As Pontes, 31 de outubro| O Concello segue adiante coas obras na Avda da Fábrica que van mellorar o saneamento na zona.

Logo de ter acometido as melloras nas redes de saneamento tanto na Avda da Habana como na mesma Rúa da Fábrica, agora tocaba empatar as dúas con creación tamén de novos pozos de pluviais.

E nestes primeiros días da semana están a axilizarse os traballos para rematar con celeridade e poder reabrir o tráfico na zona.

Entramentres un dos accesos laterais do pavillón polideportivo segue pechado á circulación, anque se conta con alternativas para achegarse á zona.

Os traballos da empresa Huso 29 destínanse a un aumento da sección para a mellora da evacuación cunha nova separativa.

Deste xeito quedaría solventada calquera deficiencia do saneamento nunha zona completamente remozada xa neste eido.

Onde as obras quedaron en stand by é no tocante ós traballos de mellora nos aparcadoiros de entrada ó parque de A Fraga.

A zona, no Poboado do Barreiro, sufría enchoupamentos contínuos ó non filtrar e ter nacido mesmo vexetación.

Logo de terse retirado xa as celosías de formigón e ter cambiado o aglomerado garántese evitar as apozaduras, e a perigosidade que tiña un firme esvaradizo.

Quedaría tan só o labor de pintado, que se acometerá a vindeira semana, pois hai que agardar ó asentamento e secado do novo aglomerado.

Con esta mellora os usuarios habituais terán aparcadoiros en boas condicións nunha zona moi poboada, e recupérase un acceso ó noso lugar de esparcemento por antonomasia na entrada á Fraga.