O Concello de As Pontes e a asociación de propietarios de chan industrial Seara iniciaron hoxe a última fase do Plan de Autoprotección do Polígono de Penapurreira: un simulacro de emerxencias na pranta de fertilizantes Delagro, e que serviu para aplicar os protocolos de actuación deseñados nestes meses de traballo, para unha actuación máis rápida, útil e eficaz dos servizos de emerxencia ante unha posible situación de perigo, mellorando a coordinación de efectivos de emerxencias e tamén do propio persoal das empresas.

Trátase do primeiro simulacro destas características que se desenvolve nun parque empresarial pontés e que serve como última fase dun proxecto que se iniciaba a finais do pasado ano, trala demanada da asociación de empresarios Seara que, solicitou a posta en marcha dun programa de autoprotección do polígono de Penapurreira, que recollese protocolos de coordinación entre os diferentes medios públicos.

Neste senso, o edil de Industria, Juan Carlos Romero, explicou que, con este plan mellorarase a efectividade dos plans de seguridade cos que conta cada empresa a nivel individual, crearanse protocolos conxuntos de actuación ante unha emerxencia e darase información pormenorizada aos servizos de emerxencia sobre os riscos presentes en cada empresa, o que permitirá mellorar a súa capacidade de actuación.

A principios de ano arrincaban os primeiros traballos con formación para os empregados das empresas afincadas en Penapurreira e situacións prácticas, que serviron para elaborar o suposto de emerxencia recreado hoxe en Delagro, e que será a base das valoracións finais deste proxecto que e que serán presentadas en novembro

Asemade, crearase unha aplicación informática que recollerá as características de todas as empresas afincadas en Penapurreira (número de empregados, materiais ou produtos químicos cos que se traballa…) e que permitirá que os servizos de emerxencias conten con información pormenorizada e actualizada das características de cada factoría.

Finalmente, Juan Carlos Romero anunciou, que a finais de ano, está previsto poñer en marcha un proxecto similar no parque empresarial dos Airíos, aínda que adaptado ás súas singulares características.

No tocante ao simulacro organizado esta mañá, a Dirección Xeral de Emerxencias, a Axencia Galega de Emerxencias, os parques de bombeiros do Eume e Ferrol, o 061, a Policía Municipal, a Garda Civil e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil participaron no dispositivo que se despregou en Penapurreira.

Así, ás 10.28 horas se daba o aviso aos servizos de emerxencia e se activaba o protocolo de autoprotección do polígono de Penapurreira, ante un incendio e unha nube tóxica nas instalacións de Delagro.

Procedeuse á evacuación tanto da empresa afectada coma das colindantes, trasladando aos traballadores a unha zona segura, tamén se cortou o tráfico na zona e realizouse un aviso á poboación para que permanecesen nos seus fogares.

Os servizos de emerxencia evacuaron aos feridos e activábase o Plan de Emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia. De feito, ata Penapurreira tamén se trasladaba un posto de mando do Servizo Provincial de Emerxencias que serviu de base para a organización de todo o dispositivo e dos efectivos implicados.

Os servizos de bombeiros foron os encargados de sofocar as lapas e controlar a nube de gases tóxicos ata asegurar a zona e, posteriormente, xa no posto de mando, se celebrou un encontro entre todos os axentes implicados (Concello, Policía Local, Garda Civil, Bombeiros, Protección Civil, 061, Dirección Xeral de Emerxencias e Axencia Galega de Emerxencias) que fixeron un balanzo da actuación realizada e que servirá como base das conclusións finais dun plan que verá a luz o vindeiro mes de novembro.