A xornada está integrada na política formativa para os sectores de comercio de proximidade e hostalería que impulsa o departamento que encabeza a edil Ana Pena

 A concellería de Turismo, Hostalería, Comercio e Emprego retomará, o vindeiro  mes de marzo, a súa oferta formativa para o tecido comercial e hostaleiro local. E é que, o departamento que dirixe Ana Pena ofrecerá unha charla  que terá como tema fundamental os dereitos e obrigas dos empresarios en materia de inspeccións tributarias e laborais.

A xornada, organizada dende o Instituto Pontés de Promoción Económica, desenvolverase o 17 de marzo, nas dependencias da Casa Dopeso, dende as 20.30 horas e levará por título Inspecciones Tributarias y Laborales: derechos y obligaciones del empresario.

No tocante aos seus contidos, está previsto que nesta charla se aborden dende as clases de inspeccións ás que pode estar sometido un establecemento comercial ou hostaleiro ata os límites das mesmas, e conceptos coma o de domicilio constitucionalmente protexido.

Ao longo desta xornada, haberá tempo para repasar as obrigas e dereitos do empresario ou as contías e distintos tipos de infraccións aos que pode ter que facer fronte un comerciante ou hostaleiro.

Con esta charla, a concellería de Hostalería e Comercio pretende dar continuidade ao seu plan de formación dos comerciantes e hostaleiros locais e que arrincaba o pasado mes de xaneiro cunha iniciativa semellante, neste caso coa Lei de Comercio Interior de Galicia como principal protagonista.

Neste senso, Ana Pena recalcou a importancia de ofrecer a comerciantes e hostaleiros todas ferramentas e recursos dos que dispón a administración local  para, deste xeito, mellorar no seu traballo día a día e impulsar estes dous sectores que, a xuízo da edil, son fundamentais para a economía local.

Finalmente, a concelleira de Hostalería e Comercio animou a todos os comerciantes e hostaleiros de As Pontes a sumarse a esta xornada totalmente gratuíta e na que, asemade, será posible solventar todo tipo de dúbidas ao respecto das inspeccións tributarias e laborais ás que pode ser sometido un local hostaleiro ou unha tenda de calquer tipo.