VALENTIN GONZÁLEZ FORMOSO, Alcalde deste Concello, ao abeiro do disposto no artigo 21.1.e) da Lei 7/1985, do 2 de abril,
FAGO SABER
Con motivo da celebración das cacharelas da noite de San Xoán e San Pedro, as persoas, asociacións ou entidades organizadoras deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello antes das 14,00 horas do 22 de xuño, a correspondente comunicación previa, ou solicitude de autorización, sinalando o nome, enderezo, teléfono e fotocopia do D.N.I. dos responsables da organización ou comunidade ademais do emprazamento da cacharela.
CACHARELAS E SARDIÑADAS VECIÑAIS.
O artigo 9 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modificada pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que, en consideración aos antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios forestais en Galicia e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume, a consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto, que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia.
Consonte ao disposto no artigo 36.1 da devandita Lei, en concordancia co artigo 15.8 do Decreto 105/2006, de 22 de xuño, polo que se regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, nas zoas agrícolas, forestais e nas zoas de influencia forestal, queda prohibido, con carácter xeral, realizar, durante a época de perigo alto de incendios (1) fogueiras para recreo ou ocio e para a preparación de alimentos, así como utilizar equipamentos de queima e combustión destinados á iluminación ou elaboración de alimentos e (2) a queima de matogueiras e calquera tipo de sobrantes de
explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible. Porén, de conformidade co disposto no artigo 36.5 da devandita Lei, o Concello poderá autorizar, excepcionalmente, o uso do lume con motivo da celebración de festas locais ou de arraigada tradición popular, como é a Festividade de San Xoán, coas medidas de seguridade e de prevención de incendios forestais que a tal efecto se determinen.
A autorización municipal para este tipo de eventos populares resulta obrigatoria tanto se comporta unha ocupación especial e temporal das vías ou espazos públicos como se realiza e desenvolve en terreos de titularidade privada, consonte ao disposto nos artigos 41 letra c) da Lei 9/2013, de 19 de decembro, do Emprendemento e da competitividade económica de Galicia), e 36.5 da Lei 3/2007 de 9 Abril, da Comunidade Autónoma de Galicia, de prevención e defensa contra os incendios forestais, art. 4 c) da Lei 10/2017 de Espectáculos públicos e actividades recreativas, art. 3 e) e apartado II.5 do Anexo do
Decreto 124/2019 de Galicia polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.
NORMAS PARA A REALIZACIÓN DAS CACHARELAS E SARDIÑADAS VECIÑAIS.
1. As solicitudes que eventualmente resultasen concedidas quedarán supeditadas na súa validez e eficacia a que o índice de risco diario de incendio forestal non sexa extremo, debendo entenderse automaticamente revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade. https://mediorural.xunta.gal/es/temas/defensa-monte/irdi
2. As cacharelas en locais sociais, prazas, praias, parques e xardíns municipais (así como calquera outro ben de dominio público de carácter especial): deberán contar coa previa autorización municipal.
3. No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público lousados, asfaltados ou pintados, os organizadores encargaranse, pola súa conta, de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm. en toda a superficie da fogueira.
4. Para a celebración das Cacharelas/Sardiñadas en terreos de propiedade privada deberán presentar comunicación, segundo o modelo oficial que figura na páxina web do Concello das Pontes WWW.aspontes.es antes das 14 horas do día 22 de xuño de 2022, axuntando a documentación que neste se require.
5. En zona rural o volume do combustible da cacharela non excedera os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro, nin os 3 metros de altura.
6. Se a cacharela está en zona urbana, o volume do combustible da cacharela non excederá os 3 metros de diámetro, 6 metros de perímetro, nin dous metros de altura.
7. Porase especial coidado en situar a fogueira afastada das vivendas, vehículos, instalacións e locais nos que se almacenen produtos inflamables; tampouco se situarán baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, nin preto de masas arbóreas ou zonas vexetais susceptibles de ser queimadas.
8. No caso de que se levante vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da fogueira esta deberá suspenderse ou apagarse de inmediato.
9. Prohíbese queimar plásticos, pneumáticos, espumas de poliuretano ou calquera outro produto que xere fume tóxico, produtos inflamables ou envases presurizados.
10. O/a responsable non abandonará o lugar ata en canto non quede totalmente apagado o lume, e unha vez extinguido humedecerá os restos con auga.
11. A hora límite para rematar a celebración é as 04:00 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no art. 5.II.5 da Orde de 23/10/20 da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia (DOG 30/10/20), para a celebración de festas e romarías populares.
12. A comunicación de queima non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos ou perdas que houbera lugar no caso de producirse un incendio polo uso do lume cando concorra neglixencia ou imprudencia, ou incumprimento das normas de prevención.