As Pontes, 16 de xuño de 2021. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, ditou un bando polo que se regula a realización das fogueiras de San Xoán.

Deste xeito, queda prohibida a celebración, este ano, das tradicionais fogueiras de San Xoán en solo público municipal así como en áreas de xestión municipal durante o día 23 de xuño e na madrugada do 24 de xuño.

Estará permitida a realización de fogueiras en terreos particulares, debendo respectarse as condicións previstas para este Concello en función do nivel de restricións vixentes na data de celebración do San Xoán.

Unicamente se poderán realizar aquelas fogueiras que teñan efectuada a comunicación, por escrito, ao Concello das Pontes.

As comunicacións presentaranse preferentemente a través do Rexistro Electrónico do Concello das Pontes. Opcionalmente, poderanse presentar de forma presencial no Rexistro do Concello, previa cita nos teléfonos 667 12 93 89/ 667 12 93 80.

A autorización outorgada non eximirá en ningún caso das responsabilidades por danos ou perdas a que houbese lugar no caso de que a persoa solicitante concorra en neglixencia ou imprudencia.

O Concello, por iniciativa propia ou por instancia do Servizo Territorial de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, poderá revogar a autorización nos casos que non sexa posible garantir as medidas de seguridade e prevención de incendios. En caso de incumprimento ou de queixas fundamentadas da veciñanza poderase requirir a extinción das fogueiras.

BANDO: VER