]RTVEume| Un mes máis, o concello de As Pontes volve rexistrar unha nova baixada nas súas cifras de desemprego e é que dende que arrincou o ano, o número de desempregados na nosa vila non rexistraron máis que continuas baixadas.

Así as cousas, o mes de agosto pechouse con 634 persoas inscritas como demandantes de emprego, o que supón unha baixada do 1,8% con respecto ao mes de xullo que se pechaba con 646 desempregados.

12 veciños atoparon un traballo o pasado mes de agosto o que permite manter a liña de descenso das cifras do paro deste último ano.

O sector servizos segue a ser, un mes máis, o que conta cunha maior cifra de demandantes de emprego, con 374 demandantes de emprego, seguido da industria con 98 demandas, a construcción con 87 e a agricultura con 17, namentras que, segundo os datos da consellería de emprego, a día de hoxe hai 58 demandantes de emprego que non tiveron ningún tipo de ocupación laboral previa.

Por sexos, as mulleres volven ser o colectivo máis afectado polo desemprego con 359 demandas laborais namentras que o colectivo masculino rexistra 275. Xa por idades, os maiores de 25 anos son os que máis problemas atopan á hora de lograr un emprego xa que dos 634 parados do pasado mes de agosto, 607 son maiores de 25 anos.

Con respecto aos datos xerais da comarca do Eume, en catro dos seus cinco municipios rexistrouse neste mes de agosto unha baixada do paro pasando dos 1.629 desempregados dos concellos de As Pontes, Capela, Monfero, Pontedeume e Cabanas do mes de xullo aos 1.594 rexistrados este mes que se ven de pechar, o que supón unha baixada do 2,14%.

Así as cousas, o municipio eumés que contou neste mes de agosto cunhas cifras máis positivas foi Pontedeume que pasou dos 575 aos 555 desempregados, seguido de As Pontes con 12 baixas nas listas do paro; A Capela e Cabanas con 3 e 2 dous desempregados menos respectivamente e finalmente Monfero que foi o único concello que rexistrou unha suba nas súas cifras con dúas altas máis nas listas do paro.

En comparación con outros concellos da contorna, As Pontes sitúase neste pasado mes de agosto cunha baixada nos demandantes de emprego superior á rexistrada en concellos coma Narón, Mugardos, Fene ou Valdoviño que tan só lograron reducir as súas cifras do paro entre un 0,3 e un 1,6%.