As Pontes, 17 de xuño de 2024.  O plan especial de Protección Civil ante o risco de Inundacións en Galicia, INUNGAL, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de 26 de setembro de 2016, e actualizado no ano 2020, sinala que os Plans de Emerxencia de Presas (PEP) que afecten ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia quedarán integrados neste plan especial e, en caso de emerxencia de interese nacional, no plan estatal. Estes plans incorporaranse ao Inungal unha vez aprobados polo organismo de bacia.

En caso de rotura inminente da presa (Escenario 3), o Director do PEP debe ordenar a activación dos avisos acústicos á poboación e informará con carácter inmediato ao CECOP a través do CIAE 112, que comunicará a situación aos medios e recursos previstos segundo procedemento.

Para garantir a operatividade dos sistemas de aviso, vaise a levar a cabo, como en anos anteriores, unha proba de funcionamento de sirenas neste mes de xuño cun dobre obxectivo: que a poboación das zonas afectadas xunto cos medios e recursos adscritos ao plan INUNGAL se familiaricen co son da sirena, e comprobar o correcto funcionamento dos sistemas mecánicos e software de activación. A  DATA PREVISTA PARA A PROBA NO EMBALSE DA RIBEIRA É O 26 DE XUÑO, ÁS 10:30 HORAS.