RTVEume| O departamento municipal de atención cidadá ven de abrir o prazo para solicitar a autorización para a realización dunha fogueira na noite do San Xoan. E é que na madrugada do 23 ao 24 de xuño, en todos os recunchos de As Pontes celebrarase a chegada do solsticio de verán entre amigos, veciños, familiares e, por suposto, cun bo menú de por medio e coa tradicional fogueira de san xoan, na que queimaremos os nosos desexos para o vindeiro ano.

Para poder dar renda solta a esta festa, coma sempre, dende o executivo local manterase baixo control calquera fogueira que se desenvolva no Concello pero iso sí, ten que ter a súa pertinente autorización, que se pode cursar nas dependencias da policía local, no novo edificio administrativo da Canle IV, ata o mesmo día 23.

Un responsable de cada fogueira deberá cumprimentar o pertinente formulario cos seus datos persoais, e cumprir a normativa establecida, que non dista moito da de anos anteriores.

Así, será necesario que cada solicitante de autorización coidae dos arredores da fogueira e coñeza os números de teléfono de seguridade: o 112 e o 981 45 31 91. Asemade, o solicitante será o responsable dos danos causados a terceiros ou perdas que se rexistren nesta noite.

Con respecto ás lumieiras, éstas non poderán exceder os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura, e a separación entre unhas e outras ou cos edificios colindantes será de 12 metros como mínimo.

Non estará permitido instalar unha fogueira baixo un tendido eléctrico ou telefónico, así coma nas proximidades dun local con produtos inflamables. Estará prohibido queimar neumáticos, plásticos, escumas de poliuretano, aceites ou substancias que, ao arder, desprendan fume tóxico, ademáis de recipientes con líquidos inflamables ou gases a presión.

No suposto de que a fogueira se realice nun terreo público enlousado ou asfaltado, será obrigatorio protexer o pavimento cunha capa de 10 cms de area e, unha vez remate a festa e en menos de 48 horas, o espazo empregado para tal fin deberá quedar limpo.

Non estará permitido realizar fogueiras en terreos públicos, agás os habilitados para tal fin, e tampouco será posible realizar lumieiras nin na praia do lago nin na súa contorna.

Os que realicen unha fogueira nun terreo privado deberán contar con permiso do propietario. Asemade, como ven sendo habitual, a policía local encargarase de controlar as fogueiras da noite do 23 de xuño, e poderá ata solicitar o pertinente permiso ou autorización.