– A proba disputarase os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño

As Pontes, 30 de maio de 2019.  As Pontes converterase o vindeiro venres, 31 de maio, no punto de inicio da 18ª volta ciclista á provincia da Coruña, unha proba que contará coa participación de máis dun centenar de ciclistas das categorías Elite e Sub-23, nas que se forxan as futuras promesas do ciclismo profesional.

O evento deportivo foi presentado esta mañá, na Deputación da Coruña, nun acto que contou coa asistencia de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e alcalde de As Pontes; Antonio Leira, deputado de deportes; Manuel Mirás, alcalde de Oroso; Jesús Tembrás Concelleiro de Deporte e Xuventude do Concello de As Pontes e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Nesta proba, cun percorrido que supera os 430 quilómetros, divididos en tres etapas, e que transcorrerá polos concellos de As Pontes, Muros e Oroso, participarán un total de 17 equipos procedentes de Asturias, Tenerife, Castela e León, Extremadura, Comunidade Valenciana e Galicia así como de Portugal e Colombia.

O primeiro día de competición, os ciclistas afrontarán unha etapa de 150 quilómetros con saída ás 13:30 horas, na Avenida de Castelao das Pontes, nun percorrido con 2.906 metros de desnivel acumulado que incluirá dous portos puntuables, Alto Pereiro (3ª categoría, km 32) e Alto  Veciñeira (2ª categoría, km 88).

A etapa transcorrerá por Penapurreira, Goente, As Neves, Lavandeira, Pontedeume, Fene, Neda, Valdoviño, Cedeira, Somozas, Espiñaredo,Saa, O Brixeo, Esfarrapa, Gondré para regresar, de novo, ao núcleo urbano e acabar na avenida de Castelao sobre as 17:15 horas.

O segundo día, completarán 133 quilómetros con saída e meta en Muros, e o terceiro, de 125 quilómetros, comezará e acabará en Sigüeiro, no concello de Oroso.

Desde o Concello de As Pontes, Valentín González Formoso quixo agradecer á Federación Galega de Ciclismo a confianza depositada no municipio para formar parte desta cita deportiva e “escoller ao noso concello como punto de inicio da XVIII Volta Ciclista á provincia da Coruña, un evento xa consolidado non calendario do deporte galego, que cumpre a súa maioría de idade”

O concelleiro de Deportes e Xuventude, pola súa banda, animou a todos os veciños e veciñas a gozar de mellor ciclismo, nun escenario natural privilexiado, e achegarse a un deporte que cada día gañas máis seguidores e afeccionados.