As Pontes, 31 de marzo de 2022. O Concello das Pontes ven de concluir a primeira fase do proxecto “Lembranzas do Eume”, dirixido a recuperar o patrimonio cultural inmaterial das trece parroquias do municipio e que contou co respaldo do Ministerio de Cultura, a través dunha achega da Subdirección Xeral do Instituto do Patrimonio Cultural de España.

O proxecto tivo como protagonistas a 55 veciños e veciñas, nadas entre 1920 e 1950, depositarias da memoria oral das Pontes, coas que se mantiveron conversas arredor dos seus recordos sobre as formas de organización colectiva, a celebración de festas, os oficios tradicionais, os seus coñecementos sobre a natureza e plantas medicinais así como sobre as narracións orais que escoitaron na súa nenez.

Vicente Roca, concelleiro de Cultura apunta  que “para poder acceder e recoller a memoria do noso municipio foi esencial a participación do tecido asociativo pontés. En total participaron vinte cinco asociacións, tanto de ámbito veciñal coma cultural e asistencial, que nos permitiron chegar ás veciñas e veciños que compartiron con nós os seus recordos, a súa memoria oral. En definitiva, a historia da nosa vila, que grazas á súa xenerosidade, xamais vai a ser esquecida”·

Foron un total 34 horas de conversa coa veciñanza que permitiron recoller trazos moi significativos da memoria oral das Pontes así como doutros aspectos que conforman a identidade da vila.

Entre todos eles, destacan os testemuños sobre a organización social das parroquias e sobre como se organizaba a veciñanza para facer fronte aos traballos do campo, diferenciando os traballos que se realizaban en beneficio de toda a colectividade, como era a construción dos camiños, dos traballos que se levaban a cabo en beneficio propio pero con compromiso de reciprocidade como eran as mallas, e dos traballos en beneficio propio nos que non había esa reciprocidade, tales como as fías de la e liño ou as esfollas de maínzo.

O traballo de salvagarda do patrimonio inmaterial do Concello das Pontes también permitiu recompilar información sobre as formas ancestrais de coidar a rede viaria e sobre a figura do capataz, un home escollido pola veciñanza, encargado de organizar e mandar nos traballos sobre os camiños.

Neste traballo tamén se recollen testemuños e descricións orais de corenta catro actos festivos das trece parroquias do Concello das Pontes, algúns relacionados con lugares desaparecidos a causa da explotación mineira como San Salvador de Illade, Santa Eulalia da Veiga (Portorroibo) ou as festas do Seixo.

Tamén foi posible a identificación de trazos peculiares de festas tradicionais das Pontes, como eran os aguinaldos de Reis, as tradicións relativas ao Entroido, que era celebrado en todas as parroquias e no que, ademais da gastronomía, estaba presente a tradición de percorrer disfrazados as casas do barrio.

Tamén se identificaron os costumes da noite de San Xoán, coñecida na maioría das parroquias como a “salta” ou a “salta do lume”, destacando a recuperación da memoria sobre un xogo, ao carón do lume, que recibía o nome “rendea”.

Por outra banda, achegarse ás persoas depositarias do pasado permitiu ter un testemuño sobre os traballos que tiveron máis relevancia nas Pontes recolléndose información sobre varios oficios, algúns narrados en propia persoa polas persoas que o practicaron como o os oficios de fragueiro, muiñeiro e costureira, e, nalgún caso, sobre oficios que as persoas entrevistadas seguien exercendo, como o de torneiro.

No tocante á relación coa natureza recóllense os coñecementos recibidos por transmisión oral relativos á plantas medicinais e aos seus usos, principalmente as destinadas a curar catarros e mancaduras aínda que durante as entrevistas tamén apareceron remedios para doenzas causadas polo aire, como o fogosalvo e o mal da teupa.

Finalmente, con respecto á tradición oral recolléronse varias formas toponímicas antigas sobre o Río Eume, a orixe do nome da parroquia de Bermui e sobre os mouros, figuras mitolóxicas da tradición galega que normalmente aparecen ligadas a restos prehistóricos.

Elena López, concelleira responsable da posta en marcha de Lembraza do Eume remarca que “este proxecto vai máis aló da recollida da tradición oral. A súa importancia radica na transmisión, xeración tras xeración, de coñecementos e técnicas que contribúen a crear un sentimento de identidade e continuidade. Serve para crear un vínculo entre o pasado e o futuro, a través do presente. O patrimonio cultural inmaterial cambia e evoluciona constantemente, cada nova xeración enriquéceo e este traballo é a nosa pequena achega a salvagárdaa de de tradición oral, as nosas xentes e os seus recordos”.