As Pontes, 3 marzo de 2022. A concelleira de Igualdade, Tania Pardo, presentou esta mañá a campaña institucional “As contas xustas” con motivo do Día Internacional da Muller que se conmemora o vindeiro martes, 8 de marzo.

Tania Pardo apuntou que se trata dunha iniciativa que ten como obxectivo facer visible, a través de diferentes actividades, o traballo das mulleres das Pontes que traballan no sector do comercio e a hostalería, un sector chave na economía local e que xera máis de 150 postos de traballo. Veciñas que, a través das súas historias de vida, poñen de manifesto as problemáticas ás que, como mulleres, se tiveron ou teñen que enfrontar, cada día, á hora de traballar en ambos os sectores”

Ao amparo desta campaña, desde a televisión local, desenvolvéronse cinco pezas audiovisuais, duns 5 minutos de duración cada unha delas, nas que sete mulleres explican, en primeira persoa, a súa experiencia persoal, os retos aos que tiveron que facer fronte por ser mulleres, as diferentes formas que utilizaron para conciliar a vida laboral coa familiar e o papel que desempeñaban as mulleres na xestión dos establecementos.

Estas pezas audiovisuais complétanse con outra peza audiovisual na que se rende homenaxe ás mulleres das Pontes, elaborada con fotografías antigas que forman parte do proxecto de recuperación da memoria colectiva “ Daquela As Pontes” e para a que o Grupo Poético Alalá creou un poema propio a través do que tratan de visibilizar a importancia da muller na sociedade.

Ademais, o día 8 de marzo, a radio local emitirá o programa “Voces pola igualdade” no que durante tres horas, desde as 10:00 ata as 13:00 horas, pasarán unha decena de mulleres pontesas vencelladas ao sector comercial e hostaleiro.

A campaña “As Contas xustas”, cuxa autoría corresponde á deseñadora pontesa, Laura Decibreiro, inclúe material promocional – cartelería, bolsas e chapas- co que o Concello das Pontes quere trasladar aos veciños e veciñas da localidade a importancia de restar o machismo, sumar respecto para lograr a igualdade entre homes e mulleres.

Así mesmo, a campaña incorpora unha intervención artística, situada na Casa Dopeso elaborada pola emprendedora pontesa Noelia Cabarcos que busca a implicación da veciñanza para erradicar a discriminación cara ás mulleres.

OUTRAS ACTIVIDADES

Ademais da campaña institucional, o Concello das Pontes organizou outras actividades, tanto para o poboación xeral como para os centros educativos da localidade, dirixidas a concienciar e loitar pola igualdade de xénero.

Así, o pasado 15 de febreiro, lanzaba o certame de vídeos en Tik Tok “Rodando pola Igualdade”, unha iniciativa a través da que se quere estimular a capacidade creativa dos ponteses e pontesas máis novas á vez que potenciar a reflexión e a concienciación pola diversidade sexual e de xénero en base a unha igualdade real entre mulleres e homes.

O certame conta con dous premios: un primeiro premio dotado cunha tablet valorada en 200 euros e un segundo cunha tablet valorada en 100 euros. Ademais, o vídeo gañador do primeiro premio optará aos premios do certame nacional, impulsado por CortoEspaña, que teñen unha dotación total que alcanza os 2.400 euros distribuídos en: 1º premio dotado con 1.000 euros, 2º premio dotado con 500, 3º premio con 400 euros, 4º premio con 300 e 5º premio con 200 euros.

Para o alumnado da Escola Infantil Municipal A Barosa e os centros de Educación Primaria da localidade elaborouse a guía “As Pontes pola Igualdade” protagonizada polos Bolechas co obxectivo de sensibilizar e fomentar a igualdade e a coeducación entre o alumnado dos centros educativos do municipio. A guía repartirase a vindeira semana.

O alumnando de 5º e 6º de primaria dos tres centros educativos de Educación Primaria participarán, o 9 de marzo, na charla-conto, Micromachista Eu? de Caxoto, unha actividade a través da que se reflicte a realidade da educación en xénero dentro das escolas, das familias e da sociedade. Unha análise de quen somos e de onde vimos para trazar mellor unha meta á que chegar. A meta da igualdade real entre homes e mulleres.

Ademais o Concello das Pontes programou, para o alumnado de educación secundaria dos IES do municipio, a obra de teatro de A Panadería “As que limpan”. Unha peza teatral que aborda a loita organizada das limpadoras de pisos – as que limpan, as invisibles, as que carretan no lombo un sistema turístico precarizador – por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Esta mesma obra representarase o venres, 5 de marzo, ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Cine Alovi,  para o público xeral.

O Concello tamén organizou un seminario de defensa feminina para o sábado, 26 de marzo, no pavillón polideportivo do IES Plurilingüe Castro da Uz. O seminario, de balde e que se desenvolverá en horario de mañá, a partir das 10:00 horas, que permitirá ás mulleres participantes aprender técnicas de autodefensa e protocolos de actuación no ámbito da defensa persoal, ensaiando estratexias e técnicas para defenderse ante unha posible situación de perigo, rompendo cos mecanismo que bloquean a imposibilitan a reacción.

Entre as actividades programadas tamén figura un concerto das alumnas do Conservatorio Profesional de Música das Pontes que se celebrará o martes, 22 de marzo, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi.

ACTIVIDADES PROGRAMADAS DESDE A BIBLIOTECA MUNICIPAL

Desde a Biblioteca Municipal tamén se porán en marcha diversas actividades destinadas a poñer en valor o papel da muller na literatura e na sociedade. Así, adicaráselle o mes de marzo á autora local Medos Romero, cun centro de interese adicado á poetisa e lerase unha selección da súa obra no club de lectura e, do 7 ao 31 de marzo poderá visitarse a exposición bibliográfica : O feminismo tamén se le.

A poetisa pontesa tamén será a protagonista do club  Relendo a Vida, o día 23 de marzo. Por outra banda, o día 30 de marzo porase en marcha a actividade Café con libros na que, en diferentes establecementos hostaleiros, as persoas que integran o club de lectura da Biblioteca e os ponteses e pontesas que así o desexen, poderán compartir un café Medos Romero e compartir impresións sobre a súa obra .

Finalmente, o 24 de marzo, ás 18:00 horas, na Casa Dopeso, ao abeiro dos Xoves na Biblio, Raquel Queizas chegará co seu espectáculo, Cinema de historias, no que con contacontos, proxecións e música falará de Alice Guy, unha pioneira do cinematógrafo, pouco coñecida pola súa condición de muller, pero que foi directora e guionista na época dos Lumière ou de Méliès.