As Pontes, 21 de abril de 2021. O Concello das Pontes, que iniciou con motivo do 8 de marzo a campaña “Unha EXPERIENCIA de COIDADO, CORRESPÓNdeche escoller a túa”, para sensibilizar e dinamizar á poboación en materia de igualdade e visibilizar e poñer en valor o traballo de coidados, pon en marcha unha serie de accións, en colaboración cos Centros de Educación Primaria e Secundaria do municipio.
Coa iniciativa dirixida ao alumnado de 3º a 6º curso de Educación Primaria, “Decálogo a favor da corresponsabilidade”, elaborarase un decálogo de boas prácticas e recomendacións de accións que se poden poñer en práctica nos fogares. Con esta acción búscase sensibilizar no traballo de coidados, e eliminar roles e estereotipos de xénero tradicionais que atribúen a mulleres e homes tarefas e funcións diferentes no ámbito familiar. E tamén que o propio alumnado se converta en axente do cambio e faga chegar aos seus fogares os obxectivos da corresponsabilidade.
Para desenvolvela, elaborouse unha Unidade Didáctica nun soporte online e interactivo para que o propio profesorado de Educación Primaria poida traballar na aula os valores da campaña e elaborar un decálogo co alumnado.
Así mesmo, para completar a actividade, os centros crearán un álbum virtual no que se recollerán materiais audiovisuais e fotográficos que darán conta do traballo realizado nas aulas, visibilizando con iso tamén a participación das familias na campaña. Este, será publicado e compartido cos centros e as coas familias do alumnado.
Por outra banda, porase en marcha unha actividade dirixida ao alumnado de 3º e 4º curso da Educación Secundaria que consistirá na organización de tres faladoiros online con Mulleres de referencia no ámbito das CTEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) para que mozas e mozos rompan coa percepción social estereotipada destas disciplinas.
As actividades desenvolveranse en dúas accións baixo o nome “Faladoiros con Mulleres CTEM”. Para levar a cabo a primeira, deseñouse tamén unha Unidade Didáctica nun soporte online e interactivo, na que se procurará desmontar estereotipos de xénero arredor das carreiras CTEM.
Na segunda, visibilizaranse mulleres que son referentes nesas disciplinas a través de faladoiros virtuais que o alumnado poderá seguir en directo e intervir achegando as súas preguntas e dúbidas ás convidadas.
Para a cidadanía en xeral, segue en marcha o concurso #EnAsPontesCompartimosCoidados, no que se sortean vales para mercar no comercio local. O prazo para participar está aberto ata 25 de maio e pódense consultar as bases do concurso na páxina web do Concello e nos distintos establecementos comerciais que colaboran coa iniciativa.