As Pontes, 7 de xaneiro de 2022. O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco, pon en marcha a sexta edición da iniciativa “O Reto Lector” destinada a fomentar a lectura entre os usuarios e usuarias de Biblioteca Municipal e entre toda a veciñanza interesada no mundo la literatura
“Desde a súa posta en marcha, no ano 2017, máis dun centenar de pontesas e ponteses participaron nesta iniciativa que ademais de fomentar o gusto pola literatura tamén nos permitiu aumentar o número de préstamos da Biblioteca Municipal, aumentar o número de socios e socias e ademais tivo un impacto positivo en todas as actividades programadas desde a Biblioteca contando cun maior volume de público” apunta Vicente Roca, Concelleiro de Cultura.
Os veciños e veciñas que desexen unirse a esta iniciativa, deberán ler, no caso do público infantil, 12 títulos mentres que o público adulto (a partir dos 14 anos) deberán ler 14 libros do catálogo de fondos bibliográficos da Biblioteca Municipal.
Co obxectivo de facilitar a elección dos títulos, establecéronse varias categorías temáticas que permitirán aos lectores e lectoras organizar as súas lecturas e o seu calendario da forma que lles resulte máis cómoda, sendo recomendable a lectura dun libro ao mes.
As categorías elixidas, no caso do público infantil, son un libro que sexa novidade na biblioteca, un libro de poesía, un álbum ilustrado ou un cómic, un libro escrito por Xoán Babarro, un libro-disco e un libro que se desenvolva en Galicia.
Asemade terán que ler un libro que trate sobre a igualdade, un título sobre outras culturas, un libro que lle recomendase alguén, un libro temático, un libro que conte a biografía dunha personaxe real así como un premio galego de literatura infantil
O público adulto terán que elixir 14 títulos entre eles unha novidade literaria que haxa na biblioteca, un libro de autor ou autora gañadora do premio Xerais, un libro dun autor ou autora clásico das Letras Galegas, un libro de literatura hispanoamericana, un libro de novela histórica e un libro que sexa unha ópera prima.
Tamén terán que ler un libro temático sobre cociña, cine, ciencia, etc, un título de poesía, un libro sobre As Pontes, que transcorra na comarca ou dun autor ou autora pontesa, un cómic ou novela gráfica, un título que sexa unha recomendación, un título que se desenvolva en Galicia, un libro escrito por unha muller e un título baseado en feitos reais
Co obxectivo de axudar a elixir un título para cada unha das propostas suxeridas, desde a Biblioteca Municipal realizarase unha selección de títulos que estarán a disposición dos lectores e lectoras nos andeis dedicadas ao reto lector. Os lectores e lectoras que logren completar o reto, ao finalizar o ano, recibirán un recoñecemento ao seu compromiso coa lectura.
RETO LECTOR PÚBLICO ADULTO