As Pontes, 24 de marzo de 2021. O Concello das Pontes porá en marcha a partir do 5 de abril o taller de apoio emocional “ Superamos a Covid19” co obxectivo de contribuír, mediante diferentes liñas de traballo, a paliar os efectos emocionais provocados pola pandemia na poboación, promover a adaptación persoal e social á nova situación e, por extensión, mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Tania Pardo, responsable da área de Benestar Social, indica que “o programa “ Superamos a Covid 19” inclúe diferentes accións, tales como o asesoramento individualizado, talleres de autocoidado, ou autoestima, encamiñadas a mellorar a saúde emocional das persoas mais vulnerables ás consecuencias negativas da pandemia, prestándolles distintos apoios e axudándolles a desenvolver a súa resiliencia e capacidade de adaptación e así mellora a súa contorna”

O programa inclúe actuacións de intervención individual directa coas persoas usuarias orientadas a apoiar o proceso de fortalecemento persoal e social das mesmas, introducindo procesos de reflexión, análise, activación, atendendo as situacións cotiás e singulares de cada una delas vive para, deste xeito, recoñecer os danos ocasionados pola pandemia.

Esta primeira toma de contacto, completarase con sete talleres, de dúas horas de duración, para a mellora persoal e social entre os que destaca un obradoiro de coidado anímico e físico en tempos da Covid 19 no que se analizará o impacto da pandemia na vida cotiá para potenciar estratexias de autocoidado para paliar o estres e a ansiedade; un taller de manexo emocional no que as persoas usuarias aprenderan a identificar, distinguir e reconducir as emocións co obxectivo de xestionalas de forma saudable.

Outro dos obradoiros tratará sobre o desenvolvemento da resiliencia e adaptación no que se afondará na situación persoal e social de cada unha das persoas participantes e na súa propia percepción para tomar conciencia da nova realidade e das novas necesidades e dispor así de novas saídas mediante a adaptación ou reinvención.

No taller de autoestima en época de pandemia as persoas participantes no programa aprenderán a simplificar, relativizar, positivizar, ilusionar e modificar determinadas condutas, crenzas erróneas e pensamentos irracionais para ser máis optimistas mentres que no taller de respiración e estiramentos adquiriranse técnicas e exercicios de relaxación, adaptados ao perfil das persoas participantes, de cara a favorecer a concentración e eliminación da tensión muscular.

Finalmente no taller de xestión do tempo analizarse como se emprega o tempo cada día e se existe algunha área que se estea descoidando e que fose necesario recuperar para mudar a fatiga pandémica por tempo propio e no obradoiro de tensións familiares e sociais as persoas participantes poderán recoñecer a importancia da autonomía nas relacións interpersoais e empoderarse á hora de poñer límites ás esixencias doutras persoas.

As persoas interesadas en participar neste obradoiro, para o que existen 12 prazas dispoñibles para deste xeito cumprir coas medidas sanitarias vixentes neste momento, poden anotarse ata o 31 de marzo no departamento de Benestar Social, cita previa no 627 77 91 29, en horario de 09:00 a 14:00 horas ou nese mesmo número de teléfono.