As Pontes, 23 de febreiro de 2022. O Concello das Pontes, a través da concellería de Cultura, organiza, por primeira vez, a Mostra de Teatro Amador.

Vicente Roca, responsable da área, indica que “con esta mostra queremos darlle continuidade ao traballo levado a cabo pola compañía local Quemaisten Teatro promotora,  desta iniciativa, que tanto lles agradecemos. Celebrar de novo este certame, no que contamos coa colaboración das dúas compañías de teatro amador da vila, Quemaisten Teatro e O Catre, significa apostar pola cultura local, apoiar ás pequenas compañías de teatro afeccionado, axudar ao sector amador e sobre todo promocionar o teatro de base. Queremos fomentar a expresión artística teatral e seguir dando a oportunidade ás compañías amador de poñer toda a súa paixón no escenario, ofrecendo unhas obras de gran calidade que, temos o convencimento, sorprenderán ao público”

A mostra de teatro amador do Concello das Pontes desenvolverase durante os sábados dos meses de marzo e abril, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal Cine Alovi. Arrincará o día 3 de marzo coa obra “Conversas” do grupo de teatro X.M. Pérez Parallé de Fene; un espectáculo formado por cinco pezas de textos de cinco escritoras, que xiran sobre as vidas de persoas completamente distintas: vítima e terrorista, matrimonio (el con alzehimer), a muller que oculta a súa verdadeira vida aos pais, a soidade na residencia de anciás e a rutina dun matrimonio.

O sábado, 12 de marzo será a quenda para o Grupo de Teatro Mariñán de Betanzos coa obra “O crime desorganizado”, unha comedia policíaca en dous actos; cun so decorado e cinco personaxes; un asasinato no primeiro acto e puro terror no segundo cun desenlace irónico e inesperado.

A asociación cultural Remocicarte de Puerto de Vega (Asturias) chegará o día 19 de marzo a As Pontes coa obra -“100 m2, el inconveniente”, na que, a partir dunha curiosa oferta de alugueiro, se desenvolve unha reflexión sobre a condición humana repleta de humor e dor.

O sábado 26 de marzo será a quenda para a obra “As troyanas” da compañía de teatro Noite Bohemia da Coruña, baseada na obra homónima de Eurípides e coa a que a compañía obtivo o segundo Premio Amateur Diputación da Coruña 2018 e o Primer Premio do Concurso Nacional de Teatro Clásico Grecolatino (2018) promovido polo Ministerio de Educación e Cultura.

O primeiro sábado do mes de abril, o público pontés poderá gozar coa obra “Olimpo´s” de FarandOleiras Cabaret na que se misturan pequenas escenas de teatro con números musicais, desde una perspectiva crítica e actual, para amosar como viven e pensan as deusas e deuses dun hipotético e galego Olimpo e como inflúe a súa presenza nas persoas mortais.

A mostra de teatro amador do Concello das Pontes rematará o sábado, 9 de abril co espectáculo “Animais de compañía” do grupo Farándula Velutina (Corcubión) co que acadaron o terceiro premio “Xuventude Crea 2020” da Xunta de Galicia. Unha peza na que a súa protagonista, educada na violencia e na represión, afronta, na idade adulta, un matrimonio cun home que a minimiza ata anulala e mesmo recorre aos malos tratos para impoñer a súa autoridade.

As entradas para todas ás representacións teatrais estarán á venda na plataforma dixital tickentradas.com e na billeteira do Auditorio Municipal unha hora antes de cada función.