As Pontes, 26 de febreiro de 2024. O Concello das Pontes investirá 79.421,08 euros, con cargo ao POS 2023 da Deputación da Coruña na mellora da capa de rodaxe na Avenida das Veigas e na Rúa Pardo Bazán, actuacións que lle permiten dar continuidade ao proxecto de rehabilitación, humanización e mellora da accesibilidade levado a cabo polo goberno local na contorna urbana.

As obras proxectadas inclúen o varrido da superficie de ambos viarios así como o fresado e derrubamento da capa de rodaxe, segundo sexa necesario en función das condicións do viario. Ademais procederase á reparación das fochancas e realizarase, previamente ao afirmado, unha regularización de ambos viarios mediante unha capa de aglomerado.

A continuación procederase á extensión dunha nova capa de rodaxe de aglomerado asfáltico quente e os traballos rematarán coa reposición da sinalización horizontal e vertical necesaria.