As Pontes, 26 de outubro de 2023. A Concelleira de Igualdade, Tania Pardo mantivo, esta mañá, unha reunión de traballo con catro representantes da organización hondureña “Sur en Acción”, no marco dun proxecto de Cooperación Internacional co que o Concello está a colaborar a través do Centro de Información a Muller (CIM).
Acompañados por técnicas das entidades Solidariedade Internacional de Galicia, Solida e Solidariedade Galega; Mario Pinel, director da organización Sur en Acción; Luis Gutiérrez, técnico de proxectos; Belkis Díaz, responsable administrativa; e Wilson Galo, técnico de xestión do coñecemento; afondaron en diversos aspectos dun proxecto que predente contribuír a mellorar a calidade de vida de máis de 7.000 persoas en 17 comunidades do Municipio San Marcos de Colón, en pleno Corredor Seco centroamericano, a través do fortalecemento do sistema de saúde do municipio, do incremento da seguridade alimentaria da poboación e a defensa dos dereitos das mulleres.
O Concello de As Pontes está a participar desta proposta a través dun intercambio de experiencias entre o CIM e a Oficina Municipal da Muller de San Marcos de Colón co fin de fortalecer as capacidades do municipio hondureño na loita contra as violencias machistas a partir da ampla experiencia do centro de As Pontes.
Nestes últimos meses, mantivéronse reunións virtuais e presenciais entre as dúas institucións municipais co obxectivo de coñecer a realidade das mulleres de cada territorio, o traballo que realiza cada institución e analizar as posibles liñas de apoio.