As Pontes, 3 de xaneiro de 2019. O Concello de As Pontes ten previsto investir, ao longo de todo o ano 2019, 837.389 euros nas parroquias do municipio co obxectivo de mellorar e potenciar a rede viaria rural.

Este investimento, con cargo ó Plan de Obras e  Servizos (POS+) 2019 da Deputación da Coruña, permitirá executar 10 proxectos destinados, principalmente, a mellorar a  seguridade viaria das estradas rurais con obras de mantemento e reposición de pavimentos e coa renovación dos servizos actuais.

Deste xeito, o Concello de As Pontes destinará 236.327 euros ó proxecto de reparación e mellora da capa de rodaxe nas estradas de Fraga dos Cregos, O Pazo, Murazoso,  Cascalisto, Piedrafita, O Ruño, Badón, Gañidoiras e Somede, traballos que se completarán coa limpeza das marxes e superficies, o fresado da estrada, o bacheado das zonas precisas e a renovación da sinalización horizontal e vertical.

Así mesmo, 179.740 euros investiranse na reposición da capa de rodaxe, con aglomerado, en camiños de Espiñaredo, Pontoibo-Covelos, Caneiro, Casas Ermas e Bidueiro. Estas actuacións incluirán a limpeza de cunetas, noiros e sumidoiros, o reforzo do pavimento actual co rebacheo e repaso de mordedelas laterais e a sinalización horizontal das vías.

No ano 2019 tamén se acometerá a reparación e mellora do firme nos lugares de Pedregás, Espá, O Sisto, Paipaz e O Cameleiro, actuacións ás que o Concello de As Pontes destinará 113.795 euros para dotar de mellor calidade e aumentar o confort e seguridade que precisan este tipo de viarios. Todos os proxectos inclúen ademais tarefas de limpeza, bacheado e renovación da sinalización horizontal e vertical.

As Pontes tamén investirán 69.759 euros na reposición e mellora de firmes non viarios municipais nas parroquias de San Xoán do Freixo e Santa María das Pontes. En todos os proxectos, como actuacións previas, procederase á limpeza de marxes e cunetas, á reparación de fochas e o selado de fendas para a continuación efectuar un varrido da calzada, a extensión dunha nova capa de rodaxe e os traballos de sinalización horizontal e vertical.

Unha partida de 66.458 euros irá destinada á renovación da capa de rodaxe, con aglomerado, nos viarios de Reboredos, A Castiñeira e O Castro. As obras, ó igual que as anteriores, inclúen tarefas previas de limpeza, reparación de fochancas, perfilado de mordentes e a reposición da sinalización horizontal.

Por outra banda, están previstas unhas inversión de 35.990 euros, 34.372 euros e 33.821 euros para o asfaltado das estradas en Vilarmouro e Chao (O Freixo), a reparación da mellora do firme en Ermida, Porto dos Frades e A Bouza e en Pedreira mentres que 30.990 euros investiranse na reparación e mellora do firme en Porto do Liño.

En todos os proxectos as obras inclúen tarefas de limpeza de marxes e superficies, o fresado ou demolición do firme existente, a renovación da capa de rodadura con formigón bituminoso, e mediante extensión de dobre tratamento superficial no caso dos viarios de Vilarmouro e Chao, así como a reposición da sinalización.

Dentro do capítulo de investimentos que o goberno local realizará no rural de As Pontes destaca a reparación do campo da festa na parroquia de  Ribadeume, actuación na que se investirán 36.146 euros para poñer en valor a actual pista deportiva e o edificio anexo, próximo á igrexa e ao cemiterio.

Procederase ao recheo dunha bancada de formigón no chanzo, na zona superior, co obxectivo de crear un paso posterior cara os aparcadoiros e unha zona de comunicación co local comunitario.

Ademais prolongarase o muro de pedra, renovarase o pavimento da pista deportiva con aglomerado quente, substituirase a actual protección de malla e finalmente acometerase o saneado e pintado do muro de contención da pista deportiva.