As Pontes, 17 de setembro de 2021. O Concello das Pontes porá en marcha, no mes de outubro, a terceira edición do obradoiro de Emprego Eume, de atencion sociosanitaria no fogar, en colaboración cos concellos da Capela e Somozas e a Consellería de Emprego e Igualdade.

Trátase dun programa dual de formación e emprego que ten como obxectivo mellorar a cualificación profesional das persoas beneficiarias, a través da formación e a realización de prácticas profesionais non laborais no ámbito sociosanitario, para deste xeito favorecer a súa inserción laboral nun sector cun alto volume de demanda de profesionais tanto na contorna como no propio municipio.

Ana Pena, responsable da área de Emprego, apunta que “ desde o Concello das Pontes vimos apostando por esta liña de colaboración entre administracións para poñer a disposición da veciñanza unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado para que poidan desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentar a súa empregabilidade e situarse nunha situación máis favorable cara o mercado labora

O obradoiro, cun orzamento próximo aos 250.000 euros, aportados polo Concello de As Pontes, Capela e Somozas e a Consellería de Emprego e Igualdade, inclúe formación teórica sobre atención hixénico-sanitaria, administración de alimentos e tratamentos médicos, primeiros auxilios, apoio nas xestións cotiás, organización do domicilio de persoas dependentes, entre outros. Na parte práctica os alumnos desenvolverán os coñecementos aprendidos.

O obradoiro, que permitirá ao alumnado obter o certificado de profesionalidade, terá unha duración de 1.440 horas e contará con diversos módulos de formación complementaria en novas tecnoloxías, sensibilización ambiental, prevención de riscos laborais ou técnicas de procura de emprego; formación orientada a que as persoas beneficiarias do obradoiro creen un proxecto profesional-persoal que lles permita a inserción no mercado laboral.

Ademais do obradoiro contará cun corpo docente integrado por persoal de dirección, un mestre/a especializado en atención sociosanitaria, auxiliar de administración e unha persoa especialista en formación e xestión empresarial, o que permitirá elevar ata 16 a cifra de persoas empregadas nesta edición do obradoiro de emprego Eume III.