As Pontes, 12 de agosto de 2022. O circuíto de karts de As Pontes acolleu esta mañá a presentación da última proba do Campionato de España de Minivelocidade, unha proba que ten como obxectivo esencial que as novas promesas do mundo do motor poidan dar os seus primeiros pasos na competición.

Durante este acto de presentación, o concelleiro de Deportes, acompañado da concelleira de Comunicación, Lorena Tenreiro, Ángel Buitrago, da Real Federación Española de Motociclismo e Luis Vales de TMSR, subliñou a importancia de ser escenario dunha proba que “sitúa As Pontes no epicentro do mundo do motor e que permitirá á veciñanza e visitantes gozar dun auténtico espectáculo deportivo”

O concelleiro agradeceu tamén á organización a sua aposta polo circuíto das Pontes e destacou todas as melloras que foron necesarias levar a cabo, tanto no ámbito da seguridade como na dotación de servizos, para poder albergar esta proba, dando ás grazas a todas as persoas implicadas na súa execución.

A carreira, na que participarán preto de 110 novos pilotos procedentes de toda España, con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos, inclúe as categorías Minimotos 4,2 CV, Minimoto Eléctrica, MiniGP 110 4T, Moto5 FIM e MiniGP World Series.

O circuíto de karts das Pontes abrirá as súas portas aos pilotos participantes na última proba da RMFE Copa de España de Minivelocidade na xornada de venres e durante a xornada do sábado realizaranse en horario de mañá, a partir das 10:00 horas, os adestramentos libres onde os pilotos terán a súa primeira toma de contacto co trazado.

Xa pola tarde, a partir das 15:40 horas será a queda para os adestramentos cronometrados que determinarán a grella de saída da competición do domingo que arrancará ás 09:00 horas cos quecementos da categoría Minimotos 4,2 GrB, iniciándose a competición ás 10:20 horas, rematando a proba ás 15:20 horas para dar paso, a continuación, a entrega de premios.