As Pontes, 12 de marzo de 2020. A corporación municipal do Concello das Pontes, os sindicatos UGT, CC.OO e CIG, a Asociación de Empresarios e Comerciantes das Pontes (Cohempo), a asociación de empresarios SEARA e a Asociación de Transportistas do Carbón das Pontes critican a falta de coherencia de Endesa sobre o futuro da central térmica instalada no municipio.

Así, subliñan que a empresa “está xogando coa opinión pública e con As Pontes, trasladando unha mensaxe contradictoria. Manifestando, a través dos medios de comunicación, a súa decisión de pechar a planta das Pontes a mediados do ano 2021 facendo caso omiso ao compromiso que adquirira para procurar alternativas á xeneración de enerxía eléctrica con carbón, no complexo das Pontes, sustituído por biocombustibles.

Así mesmo, todos os membros da Mesa de Transición Enerxética das Pontes botan en falta o compromiso de Endesa co emprego vinculado, “desatendendo as solicitudes que se lle trasladaron para abrir vías de diálogo directo cós traballadores e traballadoras das empresas auxiliares e os transportistas, amosando unha total falta de responsabilidade”.

Por outra banda a Mesa de Transición Enerxética das Pontes reitera a necesidade de modificar a Lei do Sector Eléctrico, no tocante á capacidade de acceso de evacuación dos nós da rede e da concesión de uso privativo das aguas nos concellos nos que se ubican centrais térmicas.

Asi, a Mesa de Transición Enerxética das Pontes entende, que é “necesario, obrigatorio, e urxente introducir aspectos correctores, desde o punto de vista de xustiza social e transición xusta, nos mecanismos de acceso ás redes e ás concesións de auga nos territorios nos que se ubican as centrais térmicas, de forma que os recursos repercutan sobre estos concellos e actúen como vectores de crecemento económico nos territorios afectados”.