As Pontes, 11 de xullo de 2022. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, participou hoxe, xunto co Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a sudelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e alcaldes e alcaldesas da provincia, na presentación da oficina técnica e de información para dar soporte aos proxectos dos 19 concellos da comarca de Ferrolterra que optan aos fondos de transición xusta do goberno de España

González Formoso sinalou a importancia de contar un centro destas características nas Pontes, a zona cero da transición xusta, “un espazo onde as empresas e persoas interesadas poderán xestionar, directamente, tanto o coñecemento dos fondos, as convocatorias así como o estado de tramitación, ofrecendo, así mesmo, soporte aos proxectos que teñen intención e nós a necesidade de que aproveiten estas axudas”.

O rexedor local fixo fincapé en que se trata dunha iniciativa do goberno de España, “un mecanismo moi necesario que amosa que o goberno está pensando nos territorios e mostra súa vontade por mellorar, cada día, o sistema de asignación de fondos de transición xusta. Nós temos proxectos máis que coñecidos, agora mesmo, que aspiran a eses fondos e na medida na que poidamos imos intentar que sexan receptores dos fondos pero, en calquera caso, agradecer esta aposta por As Pontes para contar unha oficina destas características”

Pola súa parte, o delegado do goberno en Galicia, José Miñones, resaltou que se trata “dunha oportunidade para falar cos 19 concellos e presentar unha oficina de asesoramento. Desde o Goberno o compromiso foi, desde o minuto un, trasladarlle aos concellos a información precisa sobre cada un dos proxectos sobre os que se ía traballar dentro das liñas de financiamento e agora damos un paso máis con esta oficina de cara a que, os proxectos dos Concellos e os proxectos empresariais que se vaian desenvolver ao longo destes meses conten coa axuda precisa”

José Miñones lembrou que o Goberno de España conta con 111 millóns de euros para a provincia da Coruña dirixidos, fundamentalmente, a novos proxectos empresariais e industriais, que van ser xestionados pola Xunta de Galicia. Ademais hai unha achega de 91 millóns de euros dirixidos a infraestruturas verdes, rehabilitación, recuperación do patrimonio, sendas, mobilidade nos concellos, aberta ata o 2 de agosto, e na que cobra pleno sentido esta oficina de asesoramento. Esta transición verde é unha oportunidade única para a comarca de Ferrolterra e imos seguir apostando por ela” explicou o delegado do goberno.