As Pontes, 15 de setembro de 2021. O Concello das Pontes presentou, ás asociacións veciñais das parroquias da contorna rural, un sistema de xeolocalización de vivendas e outros puntos de interese do municipio co obxectivo de axilizar os tempos de resposta ante calquera incidencia e contribuir a facer máis eficientes os servizos de emerxencias, mellorando así a seguridade e a calidade de vida da veciñanza do municipio.

Este servizo responde á singularidade da zona rural das Pontes onde existe unha maior dispersión de vivendas, ausencia de rúas con nome e vivendas sen numeración ademais da particularidade do costume da veciñanza de referirse ás vivendas por un alcume, circunstancia que dificulta a localización das vivendas cando se produce a emerxencia.

Cando falamos de emerxencias, unha das principais problemáticas é a localización de casas e lugares, as novas tecnoloxías ofrécennos a posiblidade de solucionar esta situación. A aplicación Isocrona permitiranos xeolocalizar calquera casa do rural nun poucos segundos ademais de indicarnos a ruta máis curta e axeitada para chegar ata ela tendo en conta o tipo de emerxencia ante a que nos atopemos” indica Tania Pardo, responsable de Benestar Social.

As Pontes será o primeiro concello da provincia da Coruña no que se implantará a aplicación Isocrona, una app que estará só a disposición dos servizos sanitarios, dos bombeiros, da policía local, da garda civil e dos servizos sociais municipais das Pontes.

Contará cunha base de datos que se elaborará, a partir de Google Maps e coa colaboración da veciñanza, na que se indicarán as coordenadas de todas as casas das parroquias pontesas, tanto nas que residen veciños e veciñas como nas vacías que reúnen condicións de habitabilidade, o nome polo que son coñecidas e o código postal. Ademais incluiranse as ubicacións das edificacións singulares, lugares de interese e os puntos de carga de auga.

Esta aplicación, poderá revisarse e actulizarse en calquera momento recollendo novos datos ou modificando os existentes. “Trátase dunha aplicación viva que pretende axudar e non sustituir a experiencia e coñecementos dos profesionais de emerxencias” remarca Tania Pardo.