As Pontes, 8 de xaneiro de 2020. O Concello das Pontes acordou está mañá, con votos a favor do PsdG PSOE e o Partido Popular e a abstención do BNG e  Xuntas por As Pontes En Común, a aprobación inicial do inventario de bens e o catálogo de camiños municipais.

Este inventario, valorado en 108 millóns de euros, substitúe ao inventario existente e inclúe un catálogo de bens, tanto mobles como inmobles, de titularidade municipal, os vehículos e os bens e dereitos revertibles que integran o patrimonio do Concello das Pontes.

Asemade actualiza o catálogo de vías públicas de titularidade municipal, que ascenden a 1.109, cunha lonxitude total de 933 kilómetros, valoradas en preto de 62 millóns de euros.

Tras esta aprobación inicial, o inventario municipal de bens e vías municipais someterase a exposición pública, durante un prazo de 20 días hábiles, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e na páxina web do Concello das Pontes.

Modificación regulamento A Barosa

Durante esta sesión plenaria, o Concello das Pontes tamén aprobou, cos votos a favor do PSOE e o PP, e a abstención do BNG e Xuntas por As Pontes En Común, a modificación do regulamento da Escola Infantil A Barosa co obxectivo de axeitalo ás necesidade do municipio e á normativa vixente.

Entre as modificacións presentadas destacan a redistribución da capacidade do centro, de xeito que a escola contará con 6 unidades e 87 prazas, distribuídas en tramos de idade; unha unidade de 0 a 1 anos, con oito prazas; tres unidades de 1 a 2 anos, cun total de 39 prazas e dúas unidades de 2 a 3 anos con 40 prazas.

Asemade, o novo regulamento contempla a inclusión dun servizo horario amplo, cunha atención aos menores de polo menos 10 horas ininterrompidas. Non obstante, evitarase que os nenos e nenas prolonguen a súa estadía no centro máis de 8 horas diarias, salvo en circunstancias expecionais e xustificadas.

Tamén se modifica o calendario e horarios de funcionamento, ampliándose nunha hora o horario do obradoiro do mes de agosto e axústase o horario de atención ao público, que será polas mañás, de 10.30 ás 13.30 horas.

Esta modificación tamén contempla cambios nos requisitos das persoas solicitantes no tocante ao criterio de empadroamento. Así, para solicitar unha praza na Escola Infantil Municipal A Barosa, será preciso que toda a unidade familiar estea empadroada no Concello das Pontes durante o tempo de asistencia á escola, cunha antigüidade, no padrón municipal, de tres meses á solicitude da matrícula.