As Pontes, 22 de outubro de 2021. O Concello das Pontes acolle, o sábado 23 de outubro, a partir das 11:30 horas, o encontro de mulleres, organizado por FADEMUR, con motivo do Día Internacional da Muller Rural.

O acto, presidido por Valentín González Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, baixo o lema “O rural ten futuro”, abordará a situación dos servizos públicos no ámbito rural, desde a perspectiva da educación, a sanidade e o emprego.

No encontro participarán a presidenta de FADEMUR España, Teresa López; a presidenta da FADEMUR Galicia, Verónica Marcos; o Secretario Xeral de Unións Agrarias-UPA, Roberto García e a concelleira de Igualdade do Concello das Pontes, Tania Pardo.

Durante esta xornada tamén se recoñecerá o traballo das mulleres a favor da posta en valor da artesanía galega, o seu compromiso co sector primario e o territorio, a súa aportación ao mundo da cultura, a lingua e as artes e o seu compromiso coa igualdade no medio rural.