As Pontes, 12 xuño de 2018.  As Pontes acollerá, o domingo, 17 de xuño, a quinta edición do Northwest Triman, no que participarán 700 atletas, chegados desde todas as Comunidades Autónomas e Portugal, que se inscribiron na proba en apenas 24 horas.

Esta maña, Montserrat García, tenente de alcalde, e Jesús Tembrás, responsable da concellería de Deporte, participaron, xunto con membros da organización e patrocinadores, na presentación do único tríatlon distancia ironman que se disputa en Galicia, e que este ano, ó igual que nas edicións anteriores, tamén contará cunha proba de media distancia.

Durante a presentación da proba, García mostrou a satisfacción que para o Concello de As Pontes supón contar, cada ano, con esta proba e subliñou que “esta cita deportiva é una data consolidada no calendario do municipio e repercute de xeito moi positivo na economía da nosa localidade, no sector hostaleiro e comercial, pero tamén no eido social, contribuíndo á proxección de As Pontes”.

A tenente de alcalde deu as grazas á organización, patrocinadores e a todas aquelas persoas que, de xeito desinteresado, fan posible que esta cita deportiva traspase as fronteiras. Tamén quixo agradecer ós veciños a súa colaboración e comprensión para lograr que esta proba sexa, ano tras ano, un éxito.

Jesús Tembrás, responsable da área de deportes do Concello de As Pontes, sumouse ás palabras de Montserrat García e animou a veciños e visitantes a achegarse ó municipio para gozar dun espectáculo deportivo único en Galicia. O edil de deportes tamén puxo en valor o traballo levado a cabo pola organización, durante todo o ano, para lograr que a proba sexa unha cita ineludible para centos de deportistas e afeccionados ó tríatlon. Desexou moita sorte a todos os deportistas que participarán na proba e convidou ó público asistente a vivir e compartir a emoción polo esforzo dos atletas.

Nesta presentación tamén estiveron presentes José Ulfe, director de Zona de Abanca; Alejandro Pérez, director postventa de Audi Arrojo, María Sande, xefa de comunicación de Coca Cola European Partners Iberia e Ana Pérez Lago en nome de Gadisa; patrocinadores desta proba deportiva, quenes destacaron o traballo da organización nunha proba que xa é un referente en España. Agradeceron o seu esforzo e amosaron o seu compromiso cun espectáculo, de primeiro nivel, que está chamado a ser a gran festa do tríatlon.

Tamén asistiu a esta presentación Arturo López, representante da Federación Galega de Tríatlon, que amosou a súa satisfacción polo éxito da proba e o seu significado na consolidación no mundo do tríatlon, agradecendo o Concello de As Pontes a súa implicación coa proba.

Northwest Triman

A proba, que dará comezo ás 07:15 horas, arrincará nas augas do Lago de As Pontes, cun sector de natación de 3,8 km de distancia, nun circuíto de 1,9 km, con saída e chegada na praia, ó que os deportistas terán que dar dúas voltas, no caso da longa distancia, e unha no caso dos participantes de media distancia.

Continuará co sector de ciclismo. Un circuíto de algo máis de 44 quilómetros no que terán que completar catro voltas para facer un total de 180 quilómetros (dúas voltas no caso dos participantes en media distancia) e que levará ós atletas polos concellos de As Pontes, Xermade e Vilaba.

Por último, o sector de carreira, cos 42 quilómetros da maratón que transcorrerán polas rúas da vila, nun percorrido que dará catro voltas ó mesmo circuíto.

Este ano, como novidade, co obxectivo de animar ós participantes e achegar a máis público á proba, está prevista a actuación de grupos musicais locais neste circuíto. Será desde as 16:00 ás 20:00 horas, no cruce entre a Avenida de Ortigueira e a rúa do Meidelo.

A organización tamén quixo facer fincapé en que este ano, o parking estará sempre aberto, tendo acceso pola avenida de Ortigueira, desde o Brixeo.