As Pontes, 11 de xuño de 2020. O  Concello das Pontes abrirá mañá, 12 de xuño, o período de  inscrición nos campamentos urbanos de conciliación familiar, unha iniciativa municipal, dirixida a menores de entre 4 e 12 anos, que ten como obxectivos esenciais axudar ás familias das Pontes a conciliar a vida persoal e laboral durante o período estival e, ao mesmo tempo, tratar de promover entre a veciñanza máis nova actitudes positivas e valores esenciais para o seu crecemento persoal.

As actividades levaranse a cabo durante os meses de xullo e agosto, en horario de 09:00 a 14:00 horas, no colexio da Magdalena. O número de prazas nesta edición quedará limitado a 45 menores por quenda para, deste xeito, cumprir cos protocolos de hixiene e seguridade establecidas polas autoridades sanitarias no ámbito do desenvolvemento de actividades ao aire libre para a poboación infantil e xuvenil.

As persoas interesadas en inscribir aos seus fillos e fillas nos campamentos urbanos de conciliación deben estar empadroados no Concello das Pontes e traballando durante o período estival e, no caso de non estar traballando contémplase a circunstancia de ser coidador/a dunha persoa dependente ou estar realizando algún curso de formación.

Para a xustificación destas situacións será preciso achegar a seguinte documentación: fotocopia do Libro de Familia (en caso de ser ou primeiro ano de inscrición), fotocopia do DNI das persoas solicitantes e menor (en caso de ser ou primeiro ano de inscrición) certificado de  empadroamento da unidade familiar, declaración da Renda do 2018 ou xustificante de non ter a obriga de facela, certificados de empresa conforme se está traballando ou non no período estival (no caso das persoas autónomas achegarase fotocopia do último recibo de autónomos), certificado da entidade que imparte a formación no caso de estar asistindo a ela, resolución do Programa de atención ( PIA) onde se recoñeza a libranza para coidados na contorna familiar por coidador non profesional, para situacións de dependencia así como outra documentación que se requira para xustificar as diferentes situacións de respiro familiar ou similares

As familias interesadas en participar nesta iniciativa poden recoller o modelo de inscrición no departamento de Servizos Sociais (Casa Dopeso, 2º andar) e formalizar a inscrición no Rexistro Xeral do Concello ( previa cita chamando ao 667 12 93 89-667 12 93 80) en horario de 08:30 a 13:30 horas, desde o 12 ao 19 de xuño, ambos os días  incluídos. As solicitudes tamén se poderán presentar a través da sede electrónica. https://sede.aspontes.org/opencms/gl/procedimientosytramites/

Este campamento conta coa subvención a entidades locais para a promoción da igualdade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, para o de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar (SI435B)

BASES CAMPAMENTOS URBANOS DE CONCILIACIÓN

FICHA INSCRICIÓN CAMPAMENTOS URBANOS DE CONCILIACIÓN