As Pontes, 15 de maio de 2018. As obras de mellora integral da rúa Chamoselo atópanse xa na fase de ancheado e repavimentación da beirarrúa da marxe esquerda, uns traballos que comezaron fai uns días e que se suman ós xa rematados na beira dereita, en dirección á Vía Romana

Asemade, instalouse unha rede rede separativa de saneamento e unha nova rede de cabreado para o alumeado público. Unha vez rematada a fase actual, procederase á colocación das luminarias, de maior eficiencia enerxética, e a extensión da capa de rodadura e, finalizarase a totalidade da obra co pintado do vial e a colocación de novo mobiliario urbano.

Actualmente xa está colocado a maior parte do pavimento do lado esquerdo da rúa e cúmprese, deste xeito, co proxecto de execución da obra, segundo indicou Montserrat García, tenente de alcalde do Concello de As Pontes, durante unha visita ás obras. “Os traballos avanzan a bo ritmo e mantemos a previsión da reforma da Rúa Chamoselo, abríndose o vial, rematadas as obras, ó tráfico”

As obras, que teñen un orzamento de 159.905 euros, están encamiñadas a mellorar a funcionalidade e accesibilidade da rúa. Os traballos que se están levando a cabo neste viario supoñen a creación de beirarrúas máis amplas, a mellora da pavimentación así como a reforma do firme da estrada e a creación de bandas de aparcadoiro en liña.

A remodelación da rúa Chamoselo implicará un cambio de circulación; a vía pasará a ser de sentido único, con entrada pola Avenida de Lugo, co obxectivo de “ mellorar a fluidez do tráfico pero, sobre todo, para garantir a seguridade de todos os viandantes” subliñou García.