As Pontes, 16 de xullo de 2024.- O Concello das Pontes, a Zona Franca de Vigo,  a Confederación de Empresarios de Ferrolterra (Cofer) e a Asociación de Empresarios Seara rubricaron hoxe un acordo de colaboración para establecer un marco de traballo común entre os catro axentes implicados.

A sinatura deste convenio tivo como escenario o Centro de Dinamización Empresarial de Penapurreira ata onde se trasladaron o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o  delegado especial de Zona Franca de Vigo, David Regades e o presidente de Seara, José Castro, e onde contaron coa presenza dun nutrido grupo de empresarios e empresarias tanto da localidade coma de toda a comarca.

Tal e como salientou o primeiro edil, “ a Zona Franca de Vigo foi creada para impulsar a economía de todo o Noroeste de España, polo que pode xogar un importante papel na reactivación industrial da comarca”.  De feito,  González Formoso apuntou que “ malia ubicarse en Vigo, a Zona Franca non ten porqué ter limitado o seu ámbito de influencia tan só á cidade olívica ou á provincia de Pontevedra, xa que pode extender os seus lazos ao noroeste da Península”, de ahí que subliñase o papel que pode xogar As Pontes e os concellos de Ferrolterra  para que esta empresa pública aterre na provincia, ao entender que “ o importante non é onde se ubique o cerebro desta empresa, senón a onde pode chegar o seu ámbito de actuación e os seus recursos”.

Asemade, o alcalde das Pontes animou aos empresarios da comarca a empregar  os recursos, experiencia, elementos de financiación e capacidades coas que conta a Zona Franca para non só impulsar os seus proxectos xa en marcha e ampliar o seu mercado, incluso no exterior, senón tamén para facer realidade novas iniciativas empresariais sen importar o seu tamaño.

Pola súa parte, David Regades fixo fincapé na oportunidade que supón para o tecido empresarial da comarca sumarse a esta empresa pública o que, ao seu xuízo, permitirá respaldar os diferentes proxectos industriais da comarca e que poden dar o seu salto ao mercado internacional. E é que en verbas do delegado da Zona Franca “ é necesario creerse que Galicia pode competir internacionalmente con calquera outra empresa do mundo”.

Regades pediu aos presentes que aproveitasen esta oportunidade para fortalecer ese músculo industrial co que conta a comarca e tildou esta primeira toma de contacto coma un punto de partida para asentarse tamén na zona norte de Galicia.

Zona Franca de Vigo en cifras

Dende a súa posta en marcha en 1947, coa fin de potenciar o comercio internacional e o desenvolvemento económico, a Zona Franca de Vigo sumou un total de oito millóns de metros cadrados de superficie industrial, con 650 empresas e 25.000 empregos activos, distribuídos nun total de nove parques empresariais na provincia de Pontevedra.

Ademáis de apostar por pequenos, mediados e grandes negocio;, a Zona Franca de Vigo tamén respalda o emprendedurismo e as ideas innovadoras con programas coma o Vía Galicia que, dende hai sete edicións, acolle proxectos de ámbito autonómico para axudarlles á súa aceleración e incluso internacionalización.

A isto hai que sumar a súa participación noutros eidos coma o textil, o mundo do mar, os proxectos culturais ou vencellados coas novas tecnoloxías e que dan lugar a cifras coma 600 millóns de euros en activos e unha inversión de 67 millóns de euros, entre 2020 e 2024.