Foto arquivo: Presentación Edición 2020 Universidade Sénior

As Pontes, 9 de abril de 2021. O Concello das Pontes acolle, por terceiro ano, unha nova edición do programa “Democratización do Coñecemento” da Universidade Sénior, nesta ocasión baixo o título “Coñecendo o Camiño coa Universidade Sénior”

Tania Pardo, responsable da área de educación do Concello das Pontes, subliña a importancia desta nova acción formativa da Universidade Sénior no municipio “que despois dun ano complicado por mor da pandemia, permítenos, de novo, favorecer o envellecemento activo, facendo posible que o coñecemento vaia máis alá das tradicionais aulas das universidades, achegando á veciñanza, con inquedanzas por aprender e que non tivo a oportunidade de formarse na Universidade, unha ferramenta de crecemento formativo, cultural e social de incalculable valor”

Nesta ocasión o programa, que xirará entorno ao Camiño de Santiago, consta de tres palestras que serán impartidas polo profesorado da Universidade da Coruña, no Auditorio Municipal Cine Alovi, de 17:00 a 19:00 horas.

Comezarán o día 28 de abril coa participación do profesor Álvaro J. Iglesias Macerias que falará sobre a figura de Santiago Apóstolo. O 5 de maio, Xoán López Viñas abordará a influencia provenzal na lingua e literatura a través do Camiño de Santiago e finalmente, o 12 de maio, José Manuel Álvarez-Campana Gallo falará sobre a paisaxe, pontes e fontes do Camiño.

As persoas interesadas en participar, nesta actividade de balde, poden inscribirse desde o 12 ata o 22 de abril, de forma online a traves do espazo web https://udcsenioraspontes.wordpress.com/ ou presencialmente no IPPEC, en horario de 09:30 a 14:00 horas.