As Pontes, 15 de novembro de 2019. A segunda edición do Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de As Pontes, cumpriu cun dos seus principais obxectivos, logrando a inserción laboral do 35% do seu alumnado.
Ao abeiro do Programa Integrado de Emprego foron 54 alumnas que, tanto durante o transcurso do programa como ao remate do mesmo, lograron un contrato de traballo. O 57% das alumnas accederon a un posto de traballo en empresas da contorna, con contratos laborais de máis de tres meses de duración mentres que o 17% foron contratadas como persoal laboral no Concello de As Pontes e nos concellos da comarca.
As insercións laborais realizáronse en ámbitos cunha ampla demanda de persoal por parte do tecido industrial e comercial do municipio, estando, maioritariamente, relacionadas co sector servizos (limpeza e hostalaría). Empregados de supermecados, administrativos, auxiliares de axuda a domicilio, enxeñeiras e camioneiras están entre a relación de postos laborais acadados.
O goberno municipal amósase moi satisfeito cos resultados obtidos e a responsable da área, Ana Pena, sinala que: «Con esta cifra, As Pontes alcanza, por segundo ano consecutivo, o obxectivo de inserción comprometido no Programa Integrado de Emprego, sendo máis de 80 as persoas que acadaron un posto de traballo a través deste programa. Resulta moi estimulante comprobar que os esforzos realizados, a través da área de emprego, permítennos lograr os obxectivos marcados polo Concello de As Pontes para mellorar a situación laboral da veciñanza que se atopa en procura de emprego».
As 100 alumnas que participaron no Programa Integrado de Emprego do Concello de As Pontes, que finalizou a última semana de outubro, recibiron información, orientación laboral, formación e asesoramento sobre a creación do currículo e de cartas de presentación, sobre o modo de afrontar unha entrevista de traballo e nocións sobre a procura activa de traballo a través de internet e o autoemprego.
Tamén recibiron formación e cualificación profesional específica orientada á obtención do certificado de profesionalidade de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, formación transversal en novas tecnoloxías, curso de inmersión lingüística, fomento da capacidade emprendedora, curso de manexo de carretilla elevadora e pá cargadora, actividades auxiliares de almacén, curso de prevención de riscos laborais, curso de silvicultura e xardinaría, prospección empresarial, prácticas profesionais non laborais en empresas.
Programa Integrado de Emprego
O Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, estaba dirixido a mellorar a empregabilidade de 100 mulleres con especiais dificultades de inserción laboral; pertencentes a colectivos vulnerables (vítimas violencia, mulleres en risco exclusión social, menores de 30 anos de baixa cualificación e mulleres con discapacidade)
A través desta iniciativa o Concello de As Pontes ofreceu unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado ao alumnado para que puidese desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, e acrecentar a súa empregabilidade para situarse nunha situación máis favorable cara o mercado laboral.
O orzamento do Programa Integrado é de 170.312,50€ euros, dos cales 136.250€ euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 34.062,50€