As Pontes, 10 de xuño de 2024. O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, presidía na tarde de onte a entrega de trofeos da segunda edición de As Pontes Ecuestre, evento celebrado na contorna do lago durante toda a xornada con moi boa acollida por parte de público e deportistas.

Preto de 200 xinetes e amazonas de todas as idades tomaban parte nas diferentes probas do Concurso de Saltos Territorial, Campionato Galego de Andadura e de Enganche, así como no triangular de horseball. Precisamente, este último torneo, xunto aos bautismos hípicos gratuítos, foron dúas das principais novidades desta segunda edición, coas que se buscaba reforzar a participación do público.

Así mesmo, o certame ecuestre, organizado polo Club Hípico Prado Ventura co apoio do Concello pontés e da Federación Hípica Galega, elevaba a categoría, adquirindo todas as súas probas o rango autonómico, e por primeira vez, dotábanse economicamente os premios, destinándose uns 3.000 euros a trofeos.

O tempo aguantou, e os ceos mantivéronse despexados, o que facilitou que o numeroso público que se achegou á contorna do lago puidese desfrutar deste singular espazo, escenario do evento, no que se habilitaba unha espectacular pista de herba duns 400 m por 35 m.

Nese ránking clasificatorio, e no que atinxe ao Concurso de Saltos Territorial, Omar Vila Vila, a lomos de Salinera JB, proclamábase vencedor na proba de 1.0 m. Na mesma, Lucía Menéndez, con Quirikou de LYR, e Sabela Fernández, con Gotham Calisto e da hípica Prado Ventura, quedaban en segunda e terceira posición respectivamente. En relación ao resto das categorías, estes foron os resultados acadados:

-0.80 m: Ainhoa Vázquez con Meiga H3 (1ª); Liam Healy con Rochas Condeene (2ª) e Iría Fonseca con Rochas Condeene (3ª).

-0,50 m: Paula Núñez con Merak; Jaime Costas con Torda; Mara Paz con Rochas Condeene; Vera Lodos con Merak; Clara Rayne con Mora; Rita López con Torda; Aitana Molares con Faraón; Nerea González con Rayo; Lucía Barrera con Merengue y Valeria León con Arabita. Todos eles, coa mesma puntuación, compartiron premio.

-0.30 m: Candela Bouza con Covas (1ª); Sofía Brandon con India (2ª) e Alba Otero con Tamasco (3ª).

Na proba de enganche:

-Sulky: Erick Suárez (1º)

-Limonera: Chema Suárez (1º)

-Troncos: Carlos Otero (1º)

Na proba de andadura:

-Potros: José Luis Forneas con Dayron de Ford (1º)

-Sub16: Asier Fernández con Roxanne Knockbrack e Mayra Gonçalves con First de Villabona (1º)

-Chapeada de menos de 1.50: César Rodríguez con Paris (1º)

-Chapeada de máis de 1.50: Adrián Pilar con Aston (1º)

-Serrada de menos de 1.50: Jaime Carro con Springhill Bilzer (1º)

-Serrada de máis de 1.50: Ceferino Gama con A

Por último, a técnica hípica Noa García, de Prado Ventura, agradecía a resposta do público e a alta participación acadada, así como o extraordinario apoio do Concello das Pontes, clave para a celebración dunha segunda edición do certame, cuxos bos resultados garanten a súa continuidade no calendario local. Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Elena López, que presidía a entrega de premios dos campionatos de andadura e enganche poñía en valor a cita, coa que se busca posicionar á localidade no mapa hípico galego.