A Concellería de Turismo e o Instituto de Promoción Económica das Pontes (IPPEC), organizaron esta semana, con motivo da 8ª Feira do Queixo do Eume e o Mel de Goente, dúas visitas guiadas ás instalacións de Queserías del Eume e a Casa do Mel de Goente.

Estas dúas iniciativas de éxito en emprendemento rural, sumáronse durante este ano ao proxecto de turismo industrial: “As Pontes, Experiencia Industrial”, que xa conta con trece iniciativas empresariais visitables previa solicitude a través da web municipal: www.experienciaindustrial.es.

Nas dúas visitas participaron preto de 50 persoas que desfrutaron das interesantes explicacións tanto de Ana, xerente da queixería, como de Manolo, Isabel e Noelia, responsables da Casa do Mel, que incluiron degustacións dos produtos elaborados nas súas instalacións.

Na fábrica a Queserías do Eume, as persoas participantes coñeceron o proceso de transformación artesanal do leite en queixos, requeixos e manteigas, así como a Historia de máis de 60 anos da recoñecida marca da parroquia da Faeira. Na posterior degustación de produtos a estrela indiscutible foi o requeixo acompañado dos meles de Goente, pero desde a queixería tiñan reservada unha sorpresa, a degustación dun queixo de seis meses de curación que será presentado en sociedade na 8ª Feira do Queixo e o Mel. Dicir, que as valoracións deste novo queixo, foi moi positiva por parte dos asistentes, e moitos aprobeitaron para mercalo e ser os primeiros en dar conta del.

Unha vez finalizada a degustación, a visita guiada continuou polo Parque Natural das Fragas do Eume pontesas, como os espectaculares Encoro e Canón do Eume ou o sorprendente cemiterio de San Pedro de Eume, onde puideron gozar da decoración das sepulturas con conchas de ameixa, berberecho e viera, mostra singular da arte funeraria na Galicia interior.

Na visita a Goente, as persoas asistentes aumentaron os seus coñecementos sobre o impacto da avespa velutina, o proceso de elaboración do mel, os beneficios para a saúde do consumo dos produtos derivados da apicultura (mel, pole, cera, xalea real, cremas, xabróns, etc.), e por suposto, desfrutaron dunha demostración da elaboración de velas de cera natural e da cata de meles multiflorais e monovarietais de silva, eucalipto, breixo e castiñeiro, que proximamente se comercializarán coa nova marca Produto de Eume.

A Casa do Mel de Goente é un dos referentes da apicultura de Galicia, tanto pola produción de meles de máxima calidade, como pola labor de formación e divulgación medioambiental que realizan, sendo actualmente o principal recepción de visitantes e turistas no Concello das Pontes, tanto de público escolar como público adulto.

Tanto o presidente da asociación como o equipo técnico da entidade, remataron a visita cunha invitación a asistir as diversas actividades que teñen deseñadas para a 8ª Feira do Queixo do Eume e o Mel de Goente, que se celebrará este domingo día 9 de outubro na parroquia pontesa.

+INFO:

As Pontes, Experiencia Industrial www.experienciaindustrial.es

Queserías do Eume www.queseriasdeleume.com

Casa do Mel de Goente www.casadomel.es