Travesía Alto Eume e Cronoescalada da Carballeira

603

As Pontes, 15 de xuño| A Travesía do Alto Eume e a Cronoescalada da Carballeira, dúas das citas deportivas máis carismáticas do vindeiro mes de xullo, manteñen aínda aberta a súa inscrición, iso sí por poucos días, de ahí que os máis preguiceiros deban ir xa formalizando a súa participación nas mesmas.

Comezamos coa novena edición da Travesía Fragas do Alto Eume que, o vindeiro 2 de xullo, vai organizar o clube de montaña o Caxado. Ao igual que en anos anteriores, o percorrido contará con dúas rutas: unha de 19 kms e outra de 28, con saída e punto de chegada na fraga de Dona Rita.

Como novidade este ano, a organización incluirá algunhas variantes no percorrido que se poderá facer correndo ou camiñando, pero iso sí co entorno do río Eume como incomparable escenario.

Haberá tres puntos de avituallamento tanto de sólidos como de líquidos e o máximo de participantes será de 300 sendo necesario ter maís de 16 anos para poder sumarse a este reto.

No tocante ao progrma da xornada, dende as 8 da mañá do día 2 será posible recoller o dorsal no polideportivo municipal da Fraga. Xa ás 9 sairán tanto corredores coma camiñantes que, denantes da unha da tarde, deberán ter pasado polo punto de control do Alto do Lostegal para non quedar fóra desta proba.

Xa ás 2 da tarde arrincará un xantar popular ao que estarán convidados todos os participantes da proba. No tocante ás inscricións, éstas poderán realizarse ata o vindeiro día 29. De feito os non socios do clube de montaña que se inscriban ata o vindeiro día 20 aboarán 14 euros e xa os que o fagan dende o día 21 e ata o 29 pagarán 17 euros. No tocante aos socios, éstes contarán con descontos e poderán tramitar a súa participación na propia sede do clube os martes en horario de 7.30 a 9, mentras que os non socios deberán acceder á web www.prueba-t.es para formalizar a súa inscrición.

E xa a seguinte fin de semana, o día 8, terá lugar a cuarta edición da Cronoescalada á Carballeira que organiza o clube Terras do Eume. Un ano máis esta cita dividirase en tres probas: bicicleta de montaña, carreira a pé e bicicleta de estrada.

Todas elas terán como punto de partida a Fraga de Dona Rita, mentras que a distancia variará entre os 3400 metros da carreira a pé e a btt e os 4570 metros da competición por estrada.

A competición arrincará ás 4 da tarde, con saídas escalonadas dos competidores cada dous minutos, sendo posible que participen maiores de 15 anos, de xeito individual ou por equipos ata un máximo de 150 corredores.

O prezo por participante é de 9 euros e será posible tomar parte ata nas tres probas desta xornada, loitando polos trofeos aos mellores equipos masculino e feminino e os tres máis veloces en cada unha das modalidades desta proba.

Para anotarse, é preciso acceder á web www.championchipnorte.com ata o vindeiro 5 de xullo e alí cumprimentar o formulario pertinente.