RTVEume| O Concello de As Pontes e a Asociación empresarial Seara van poñer en marcha un servizo común de transporte para os polígonos de Penapurreira e Os Airíos.

Os traballadores destas superfícies industriais van poder acudir en autobús ó seu traballo logo da posta en marcha desta iniciativa, coa que o goberno municipal busca atender a unha das demandas de mellora que se lles transmitía, ó facer un estudo de que carencias se debían cubrir para atender ás necesidades actuais dos parques empresariais.

O Plan de transporte ós polígonos vai supoñer que aquelas empresas que se acollan a este servizo van ter unha bonificación fiscal.

Para esta fin xa se modificaba a ordenanza pertinente, e con elo téntase que aquelas empresas que están instaladas en ámbolos dous polígonos incentiven o emprego do transporte comunitario entre os seus traballadores.

Nestes días producíronse as reunións entre a Concelleira de Emprego Ana Pena, e a Asociación Seara, conxuntamente coas empresas asentadas nos polígonos, para establecer unha unificación de horarios e coñecer o número de usuarios potenciais.