As Pontes, 26 de xuño de 2024. Este mércores o salón de actos da Casa Dopeso acollía a celebración da primeira xornada dos encontros “Charlas de café coa nosa industria” organizados pola Concellería de Industria do Concello das Pontes.

Estas xornadas teñen como obxectivos crear un encontro veciñal no que os emprendedores locais poidan presentar os proxectos industriais que rexentan na vila das Pontes. Trátase tamén de crear un espazo onde poder compartir coa veciñanza as experiencias de empresarios e emprendedores ponteses, e como chegaron a converter as súas pequenas iniciativas en industrias punteiras nos seus sectores, transformándoos en impulsores da economía e xeradores de emprego na vila.

Interviña en primeiro lugar Ana Pena, concelleira de Industria, para agradecer ao público a súa asistencia a esta primeira xornada, para dar paso ás intervencións dos ponentes desta primeira xornada.

Mónica Carballeira, vicepresidenta de INVENERGY contou como pasou de estudar unha enxeñería e crear unha pequena empresa no ano 2005 ata entrar a formar parte do grupo INVENERGY, multinacional punteira no sector enerxético das renovables, xerando máis de 280 postos de traballo, e convertendo as súas instalacións do polígono de Penapurreira no punto estratéxico para entrada da compañía en Europa.

A continuación tomaba a palabra Daniel Filgueiras, director de PROMETAL, que debullou polo miúdo as cifras de crecemento da súa empresa, que tras dúas fases de desenvolvemento chegou finalmente ás súas novas instalacións no polígono de Penapurreira con 4300 metros cadrados e 22 empregados directos.

Cristobal Piñón, director de desenvolvemento de negocio de INTACTA, pola súa banda fixo fincapé na actividade da súa empresa no tocante aos servizos que prestan a outras industrias en todo o territorio nacional e mesmo en Europa relacionados coa consultoría e enxeñería ambiental.

Na quenda de preguntas por parte do público falouse, entre outros asuntos, da escaseza de man de obra cualificada para postos técnicos, que segundo apuntaba Mónica Carballeira, están moi ben remunerados, pero estalles custando atopar traballadores; algo que secundaban tanto Daniel Filgueiras de PROMETAL como Cristobal Piñón, de INTACTA.

Finalmente pechaba esta primeira xornada de “Charlas de café coa nosa industria” o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, que aproveitou a ocasión para lembrar a riqueza e os empregos que xeran as empresas participantes. Asemade, lembraba ao público asistente que estas xornadas vanse celebrar de xeito periódico “coa intención de achegar a veciñanza á realidade empresarial e industrial do noso concello”.