As Pontes vai ser sé, na xornada de mañá, da quinta sesión do proxecto formativo Xogade coas Motos, impulsado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a Federación Galega de Motociclismo e Vf Timing, para fomentar o motociclismo de base.

A xornada, que se vai desenvolver no circuíto de velocidade municipal, conta co apoio do executivo local, mediante o departamento de Deportes, e busca achegar ás crianzas en idade escolar ao motociclismo deportivo xa que, deste xeito, teñen a oportunidade de coñecer os entresixos deste deporte, subirse a unha moto e probar, dende o xogo e a diversión, se lles gusta esta disciplina.

De feito, a edil de Deportes subliñou a importancia de achegar este tipo de disciplinas do motor ás xeracións máis novas. Elena López abogou pola necesidade de sacarlle o máximo partido ao circuíto municipal, non só como escenario para grandes probas de velocidade, senón tamén como escenario de xornadas formativas. Neste senso, López salientou o gran valor educativo desta cita na que os participantes aprenderán, dende o xogo, educación vial e a respectar o que supón subirse nunha motocicleta, á marxe dos entresixos desta disciplina.

López deu conta da súa gran satisfacción ante a boa acollida da convocatoria coas prazas
totalmente esgotadas dende hai uns días e que, segundo adiantou a edil, garante unha nova edición deste programa o vindeiro ano.

Así as cousas, corenta nenos e nenas, a maioría da localidade, e con idades que van dos 8 aos15 anos, participarán mañá nas diferentes sesións teóricas e prácticas que se desenvolverán en horario de 10.00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20: 00 horas, no circuíto pontés.

Dende a organización tamén quixeron agradecer a boa acollida desta actividade e o gran
respaldo do concello das Pontes. Nesta liña, a coordinadora do proxecto recalcou a necesidade de achegar aos participantes esta disciplina pero sempre dende un punto de vista lúdico, permitíndolles probar un deporte diferente e dun xeito totalmente gratuíto, xa que os custos de monitores, seguros ou material corren a cargo da organización do evento.
Sandra Fernández tildou de única esta oportunidade non só para coñecer esta disciplina dende dentro senón tamén para que os máis novos lle saquen partido a unhas instalacións tan espectaculares como son as do circuíto das Pontes e que, por descoñecemento ou falla de recursos, as crianzas non se atreven a probar.

De feito, unha vez rematada a sesión de mañá, e todos aqueles nenos e nenas que desexen adentrarse máis polo miúdo e a nivel competitivo neste deporte recibirán todo tipo de asesoramento da organización con respecto á competición, as escolas de pilotaxe que hai en Galicia ou os custos que supón a práctica desta disciplina.

Circuíto Xogade coas Motos
O proxecto Xogade coas Motos conta cun total de seis convocatorias ao longo deste 2024, e
con escenarios das catro provincias galegas coa fin de permitir que os máis novos desfruten e proben un deporte diferente e, se lles gusta, conten con toda a información posible para formarse ou competir.

O circuíto das Pontes é a quinta parada dun proxecto que arrincou en Monterroso (Lugo) no
mes de marzo e que pasou polos concellos de San Cibrao das Viñas (Ourense), a Laracha (A Coruña), Betanzos (A Coruña) e agora As Pontes. Unha proposta que pechará o seu calendario deste 2024, en outubro, o día 12, no recinto Feiral de Fexdega de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).