1. As Pontes, 10 de setembro de 2019. Durante a fin de semana, do 13 ao 15 de setembro, a sexta edición da Cita coa Historia, organizada pola Asociación Lembraza da Vila, en colaboración co Concello das Pontes, ofrecerá á veciñanza e visitantes máis dunha vintena de propostas, pensadas para todos os públicos, para gozar do casco vello da vila.

Como en edicións anteriores, a Cita coa Historia tratará de recuperar o pasado e recordar a chegada dos primeiros romanos a Gallaecia a través de diferentes obradoiros de artesanía, espectáculos de rúa, postos gastronómicos e a música, entre outros.

As actividades comezarán o venres, 13 de setembro, ás 17:00 horas coa apertura do mercado, o campamento galaico e a rúa dos oficios, situada na rúa da Igrexia e na que diferentes artesán realizarán demostracións en vivo, e cunha representación do espectáculo de rúa da compañía Humans no limits.

Durante esta xornada inaugural, veciños e visitantes poderán gozar tamén do espectáculo O Fauno, a cargo da compañía Anima e de dous obradoiros guiados, un dirixido por Chema Castro, centrado no mundo da forxa e na historia do ferro, e outro obradoiro sobre cultura gastronómica romana da man de Marta e Mayka.

Tras o pregón que terá lugar ás 20:30 horas, na Praza da Igrexa e que correrá a cargo do escritor Xavier Alcalá, haberá un pasarrúas do grupo Os Empanadillas e, ás 21:30 horas Lía Corax deleitará ós asistentes cun espectáculo de danza con aves rapaces.  A xornada rematará cun espectáculo aéreo de pirotecnia e lume ás 22.30 horas da man da compañía Humans no limits.

O sábado, ás 11:00 horas, procederase á apertura do mercado e o campamento Galaico que marcará o inicio dunha xornada pensada para todos os públicos e na que haberá un pasarrúas a cargo dos Feroces da Galgueira, unha nova representación do espectáculo de rúa da compañía Humans no limits e un obradoiro guiado de torneado da man da Asociación Amigos da Madeira das Pontes e dará comezo o concurso de caracterización.

Sobre as 12:00 horas está previsto o inicio dun taller guiado, por Isabel Carril, sobre a industria da cerámica romana e xa ás 12:30 horas o grupo de recreación histórica Tebras Galaicas chegará á Vila e desfilará polas súas rúas.

A orquestra Panoramix será a encargada de animar as rúas do casco vello pontés e, todo aquel que o desexe, a partir das 12:30 horas, poderá participar nunha visita guiada ao Museo Etnográfico Monte Caxado. Un espectáculo de cetrería dirixido ao público infantil e unha nova actuación da compañía Humans no limits pechará ás actividades matinais.

Xa durante a tarde, a partir das 17:00 horas, haberá un obradoiro de talla de madeira así como taller infantil creación de escudos romanos e unha zona de ludoteca infantil na que os máis pequenos se poderán achegar aos xogos tradicionais.

A veciñanza e visitantes poderán participar, a partir das 18:00 horas, dun obradoiro de xoiería e fabricación de pezas de metal, guiado por Adolfo Domínguez e dun espectáculo de circo na Praza da Igrexa que ao seu remate dará paso a unha nova representación do espectáculo de cetrería e, a partir das 19:00 horas, haberá unha segunda visita guiada ao Museo Etnográfico Monte Caxado.

A partir das 19:30 as rúas encheranse de música cun pasarrúas a cargo do grupo Os Carunchos e haberá, novas representacións dos espectáculos de rúa  da compañía e un obradoiro guiado por Isabel Carril sobre tecido en tear de parede romana.

A xornada concluirá cun concerto de música folk, ao carón do río Eume, a partir das 22:30 horas, no que participarán os grupos Pan de Capazo, Quenindiole e Fran Amil.

O domingo continuará a Cita coa Historia, a partir das 11:00 horas coa apertura do mercado, un espectáculo de rúa, a chegada das lexións romanas á Vila e o seu desfile militar ás 11:30 horas.

Continuará o concurso de caracterización, haberá novas representación do espectáculo de rúa e ás 12:30 horas, a veciñanza e visitantes poderán presenciar, na praza da Igrexa, unha demostración de movementos de combate militar romano da man da asociación de recreación histórica, Cohors III Lucensium ao que sucederá un novo espectáculo de cetrería dirixido ao público infantil

Pola tarde, ás 17:00 horas regresan as actividades para os máis pequenos cun obradoiro de fabricación de brazaletes galaicos e a apertura da zona de ludoteca infantil dedicada aos xogos xigantes e de época.

Ás 17:30 horas, as lexións romanas desfilarán novamente polas rúas do barrio da Vila e a continuación No Cómbaro serán os encargados do pasarrúas que dará paso, ás 18:00 horas, a unha nova demostración dos movementos de combate militar romano protagonizada por Cohors III Lucensium, tras a que haberá unha nova representación do espectáculo de cetrería.

Esta sexta edición da Cita co Historia concluirá coa entrega de premios de concurso de caracterización ás 19:30 horas e unha última representación do espectáculo de circo da compañía Humans no limits, ás 20:00 horas.