O bufón italiano actuará ás 21.00 horas no recinto, as entradas custan 10 euros e pódense reservar de xeito telefónico a través do número 981440344, chamando entre ás 9.00 horas a 14.00 horas dende o xoves 16 até o xoves 23

O espectáculo é, máis ca unha obra de teatro, á adaptación ao escenario dunha verdadeira “misa bufonesca” da famosa Iglesia Patólica, culto de humor, ironía e crítica fundada polo ilustre pallaso

 

Martes, 14 de abril. Leo Bassi regresa a Galicia a próxima semana coa misión de evanxelizar dende o humor e a crítica coa súa Iglesia Patólica. Deste xeito, o bufón visitará As Pontes coa súa Gran Misa Patólica, un espectáculo inédito que realmente marca un fito na carreira de Bassi, porque máis ca unha obra de teatro, é unha verdadeira “misa bufonesca” da famosa Iglesia Patólica, culto de humor, ironía e crítica fundada polo ilustre pallaso en 2012 no barrio de Lavapiés de Madrid. En Galicia, agora estreará esta montaxe inédita, para espallar “a súa fe e devoción” no redentor: un pato de goma. Bassi chegará ás Pontes para representar a súa peza no Cine Alovi ás 21 horas. As entradas custarán 10 euros e tamén irán por reserva telefónica, a realizar dende o xoves 16 até o xoves 23 de abril chamando de 9 a 14h ao teléfono 981440344.

MISA PATÓLICA

El culto patólico comezou o seu periplo o 28 de decembro de 2012. Ese día abría un centro de culto chamado El Paticano de Lavapiés, dedicado á adoración dun pato de goma amarelo que se converteu no mesías. Alí celébranse regularmente misas e acontecementos como vodas e bautizos coa súa propia liturxia.

 

O máis singular é que o que comezou como unha travesura orixinal e divertida converteuse xa en algo que transcende a sátira, poñendo en evidencia as contradicións entre a narrativa oficial da nosa sociedade e os valores da xente que a vive. A raíz de toda esta travesura nace este espectáculo que en Galicia se verá por vez primeira.

O gran bufón Leo Bassi, ademais de ofrecer as misas na súa santa sede, tamén emprende viaxes evanxélicas por todo o orbe, como o que agora o trae a Galicia, para provocar gargalladas e aplausos de consensos con preguntas e reflexións básicas sobre a liberdade de expresión, a ciencia, a tecnoloxía e a relixión.

Non obstante, a Gran Misa Patólica non se limita só a ser un contedor irónico para ordenar os argumentos laicos clásicos. A raíz dos seus propios enfrontamentos cos defensores intolerantes da relixión, Bassi chegou a unha conclusión fundamental: O riso é sagrado e a arte do pallaso ten unha función que conecta coa esencia do ser humano.