RTVEume| Dende onte mesmo podemos xa visitar, nas dependencias do Mercado Vello, a exposicion de fin de curso dos obradoiros de bordado, patchwork e costura que se estiveron a desenvolver, nestes últimos meses, dende a asociación cultural Lembranza da Vila.

Onte mesmo, abríase esta mostra na que teremos a oportunidade de desfrutar dascreacións, ata este mesmo domingo entre as 17:00h e as 20:00h do serán, con entrada totalmente libre, e que é todo un pracer de descubrir. De feito, entre as obras de arte que podemos atopar nesta exposición temos dende colchas de diferentes deseños e cores, bolsos do máis actuais, bonecos realizados con diferentes tipos de teas, e artigos para recén nados coma babeiros, bolsiñas para a merenda, mantas para o berce ou cambiadores ateigados de infinidade e coidados detalles realizados coa técnica de patchwork.

Na sección adicada ao bordado, a maioría das propostas presentadas polas alumnas deste taller son mantelos e servilletas, ademáis de toallas para o baño con fermosos motivos e, non podía faltar, a sección de costura con traxes medievais e ata algunha que outra peza de roupa do máis poñible a diario, como camisas ou chaquetas.

En definitiva, toda unha colección de obras de arte ás que deron vida as mans de todas as alumnas e alumnos de Lembranza da Vila, e que poderemos visitar ata este domingo. Lembren en horario de 17:00h a 20:00h do serán, nas dependencias da sala de exposicións do Mercado Vello.