RTVEume| ENDESA ven de publicar a licitación para unha obra de desnitrificación da central térmica que ten na nosa vila.

Detrás desta solicitude de ofertas para uns labores destinados a reducir as emisións desta planta, está a que vai ser a terceira grande transformación á que se verá abocada a térmica pontesa se quere garantir a súa continuidade.

Estamos a falar dunha inversión de entre 8 e 16 millóns de euros, que sería o custo de reducir nos catro grupos as actuais emisións de xofre e CO2.

Neste concurso xa aberto, inclúense xa os datos que seguen a falar as claras da aposta de ENDESA por esta factoría, xa que o prazo é moi curto, tan só ata o vindeiro día 27. Deste xeito poderíanse asumir esas obras comezando o vindeiro ano e no prazo marcado como límite para ter completado a transformación á que obriga a normativa europea.

Os traballos contarán cun prazo máximo de execución de catro anos, co que se cumpren os límites fixados na Directiva de Emisións Industriais (DEI) da Unión Europea.

Paralelamente a este movemento destinado a contar coas ofertas do mercado, dende a dirección de ENDESA seguen sen pronunciarse oficialmente sobre as súas intencións, amparándose en que se acolleron ao Plan Estatal de Transición, que lles permitiu contar cunha prórroga ata finais do 2016.

Alegan que a súa decisión final está a expensas de que se clarifique o futuro dos plans enerxéticos do Goberno, en base ao papel que vai xogar a xeración con carbón, especialmente o estatal, do que se precisaría coñecer con que axudas seguirá a contar.

Destas decisións que competen ao Goberno Estatal dependerá a competitividade das centrais de carbón importado, como é o caso da que temos no noso municipio.