A institución provincial organiza en 14 municipios coruñeses un ciclo de charlas-proxección sobre o audiovisual galego e o proceso de elaboración desta serie de televisión.

O evento celebrarase en As Pontes o vindeiro venres, 22 de setembro, na Casa Dopeso

A Deputación da Coruña, en colaboración con Voz Audiovisual, organiza unha serie de charlas – proxección en 14 concellos da provincia sobre o o proceso de elaboración da serie “El Final del Camino”. A través deste ciclo, a institución provincial pretende achegar aos coruñeses e coruñesas un capítulo de gran importancia da historia de Galicia como foi a construción da Catedral de Santiago, así coma unha oportunidade para descubrir o sector audiovisual galego

O concello de As Pontes acollerá esta charla ás 20.00 horas do vindeiro venres, 22 de setembro, no edificio de usos múltiples Casa Dopeso, situado na rúa Rosalía de Castro. A entrada será gratuíta.

Durante os meses de setembro e outubro, o evento tamén se celebrará nos concellos de Ames, Betanzos, Carballo, Cee, Curtis, Melide, Narón, Noia, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Ribeira e Vimianzo.

O evento contará con distintos profesionais que participaron na serie, e que serán os encargados de explicar o proceso de creación, desde os guións e os vestiarios ata as técnicas de produción, dirección, iluminación, decoración ou post-produción. “El Final del Camino” foi integramente rodada en Galicia, recreando tanto a cidade de Santiago de Compostela coma outras urbes españolas e marroquís a través de diferentes escenarios, decorados naturais e efectos visuais. En total, utilizáronse 20 localizacións diferentes, que contribuíron a difundir a riqueza paisaxística galega entre os máis de 1,3 millóns de espectadores cos que contou cada capítulo da serie. 

AS PONTES – Venres, 22 de setembro – 20 horas. Edificio de usos múltiples Dr. Dopeso

Gabinete de Prensa

Deputación da Coruña