As Pontes, 11 de febreiro de 2021. O Concello das Pontes, debido a situación sanitaria e coincidido coas datas nas que se ía celebrar a XLI edición da Feira do Grelo, organiza unha charla coloquio en liña sobre o grelo.

Este evento, que se retransmitirá a través de streaming, a partir das 11:00 horas do venres, 12 de febreiro, na páxina de Facebook do Concello das Pontes, contará coa presenza de José Andrés de la Fuente, presidente da Indicación Xeográfica Protexida “Grelo de Galicia”; Antonio Álvarez Feal , xefe de Área de Servizos Agrarios Ferrol-Betanzos e Alejandro Martínez Vérez, Xefe de Sección-OAC Ferrol. Servizos Agrarios, exercendo como anfitrións, estarán Elena López, Concelleira de Turismo e Vicente Roca, Concelleiro de Cultura.

Durante esta charla trataranse cuestións relacionadas co selo de calidade da indicación xeográfica protexida, as vantaxes que ofrece aos pequenos e pequenas produtoras este selo, os servizos que presta, tanto a Indicación Xeográfica Protexida como a Oficina Agraria Comarcal, ao sector primario para controlar, amparar e certificar a calidade dos grelos tanto no proceso de produción (plantación, almacenaxe, análises organolépticos) como de manipulación, transporte ou transformación.

Todas as persoas interesadas en participar esta charla coloquio poderán enviar as súas preguntas ao enderezo electrónico [email protected] e serán respondidas polos participantes durante a emisión da charla.