As Pontes, 17  de outubro de 2018. A biblioteca municipal Rivera Rouco de As Pontes celebra, o sábado, 20 de outubro, o Día da Biblioteca cunha xornada de portas abertas na que a literatura se mesturará coa música, o lecer e a gastronomía.

A celebración comezará ás 17:30 horas coa presentación do espectáculo Cantamos un conto? de Luis Vallecillo no que fará versións de contos clásicos para reconvertelos en divertidas cancións con aires de música rock e blues para que os máis pequenos da vila as canten, gozando la literatura dun xeito diferente.

A continuación, ás 18:30 horas, terá lugar un recital da man do Grupo Poético Alalá no que amosarán ós asistentes as súas creacións. A partir das 19:30, Adrián López, participante no concurso televisión La Voz, ofrecerá un pequeno concerto acústico, con cancións de sempre e éxitos recentes, co que convidará a todos os asistentes a gozar da música en directo.

Durante esta xornada festiva tamén se fará entrega dos premios ós participantes que superaron o Reto Lector, unha proposta deseñada pola Biblioteca Municipal Rivera Rouco para impulsar o hábito da lectura e o servizo de préstamo de libros entre todos os ponteses.

Ademais, todos os asistentes a esta xornada festiva recibirán un pequeno agasallo en forma de marca páxinas, elaborado en colaboración coa asociación de discapacitados activos A Xanela e tamén poderán degustar unha  pequena merenda na que non faltarán as castañas e o chocolate.

Con esta celebración, o departamento de Cultura do Concello de As Pontes, quere trasladar ós veciños a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos veciños, de todas as idades, coa cultura, e resaltar o seu papel como un instrumento de mellora da formación e da convivencia cidadá.

Neste sentido, desde o goberno municipal sinalan que: “ a través desta xornada queremos romper a imaxe preconcebida que existe entorno ás bibliotecas, queremos amosala como o que realmente é;  un espazo socializador e integrador, no que os libros e a cultura están ó alcance de todos, achegándoos de unha forma divertida, próxima e afastada dos estereotipos”

 

Día da biblioteca

Desde o ano 1997, o 24 de outobro, a petición da  Asociación Española de Amigos do Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura, celébrase en toda España o Día da Biblioteca, para recordar a destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada o 1992 durante o conflito balcánico e co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos bibliotecarios/ as.