O Programa Integrado “Pontes de Emprego” inicia un novo ciclo formativo

324

As Pontes, 11 de setembro de 2018. As Pontes, ó abeiro do Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello de As Pontes, acaba de poñer en marcha un novo ciclo de accións formativas co obxectivo de mellorar a empregabilidade de 85 ponteses.

Dentro desta nova proposta formativa, a última semana de agosto, deu comezo o curso de actividades auxiliares de almacén, cunha duración de 210 horas e dividido en tres módulos, a través do que os alumnos adquirirán coñecementos básicos sobre operacións auxiliares de recepción, colocación e mantemento de cargas no almacén, preparación de pedidos e manipulación de cargas con carretilla elevadora.

Este curso, no que participan 9 alumnos, completarase con 40 horas de prácticas non laborais, en empresas locais, que se sumarán ás 22 horas prácticas de manexo de carretilla elevadora e pá cargadora, realizadas durante o mes de agosto.

De xeito paralelo, desde a primeira semana de setembro, 18 alumnos participan nun curso de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas de duración comunicado á Fundación Laboral da Construcción.

A responsable da área de Emprego do Concello de As Pontes, Ana Pena, sinala que “ambos cursos son unha aposta decidida, do goberno municipal, polas accións de fomento do emprego a través da formación. Estas dúas accións formativas permiten que os alumnos adquiran as competencias profesionais moi demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna, en sectores que teñen unha alta demanda laboral, o que os sitúa nunha posición máis favorable cara o mercado de traballo”.

Por outra banda, o día 24 de setembro, comezará un curso de formación para o autoemprego, de 40 horas de duración, no que os beneficiarios do Programa Integrado de Emprego aprenderán a elaborar un plan de empresas e un plan económico-financiero que lles facilitará ós participantes os coñecementos necesarios para crear e xestionar o seu propio negocio.

PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO “PONTES DE EMPREGO”

O programa integrado de emprego, a través dun amplo conxunto de accións informativas, formativas, de orientación laboral, asesoramento e fomento do emprederurismo, ten como obxectivo ofrecer a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou menores de 30 anos con baixa cualificación, unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado para desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para en palabras de Pena “situalos nunha situación máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións”.

O orzamento do Programa Integrado é de 140.320 euros, dos cales 112.256 euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 28.064 euros polo Concello de As Pontes.