As Pontes, 20 de xuño de 2024. A concelleira de Industria e Emprego, Ana Pena; e a responsable territorial do Instituto de Transición Justa (ITJ) en Galicia, Nuria Álvarez; realizaron unha visita ao Polígono dos Airíos das Pontes para, en palabras de Ana Pena “darlles a coñecer as actuais liñas de axuda do Itj así como ofrecerlles información sobre as futuras convocatorias que se van levar a cabo para proxectos industriais xeradores de emprego, nas zonas incluídas nos convenios de transición xusta de Galicia, que afectan a As Pontes e Meirama e os concellos lindeiros.

A representante do goberno local e do Instituto de Transición Justa visitaron dúas empresas recentemente instaladas no polígono industrial dos Airíos, vencelladas ao sector do metal, en dúas naves que levaban varios anos en desuso e que veñen de reabrir as súas portas cunha creación inicial de 90 empregos directos.

Unha visita durante a que Ana Pena subliñou que “desde o Concello das Pontes tratamos de respaldar, en todo o posible ao tecido empresarial local de todos os ámbitos” e recalcou a “necesidade de poñer todas as ferramentas coas que conta o concello a dispor destes empresarios e destes proxectos xeradores de emprego. Queremos trasladar toda á información posible ao tecido empresarial das Pontes, especialmente ao recén instalado, para que poidan optar a estas achegas, das que xa se beneficiaron seis iniciativas locais de diferentes sectores, cunha inversión de 1.279.000 euros”

As empresas beneficiaras destas achegas atópase a empresa de turismo activo Nortegal (95.745,86 € para a creación de aloxamentos turísticos), a empresa Hormigones Bergantiños (897.297,32 € para a ampliación da capacidade produtiva da empresa), a compañía Ingeñería PSI (99.936,98 € para a adecuación das instalacións) o Centro de Saúde Mental de Ferrol, Eume e Ortegal (167.070,37 € para o equipamento de centro residencial para rehabilitación psico-social de persoas con enfermidade mental que se constrúe nas Pontes), a empresa Prometal ( 561.000 euros para a ampliación das súas instalacións) e a Residencia A Magdalena 258.337,54 € para a ampliación da capacidade de persoas maiores)

Ao longo da visita, a concelleira de Industria amosou tamén a súa satisfacción polos resultados da primeira convocatoria de axudas do ITJ xa que “axudan á creación de emprego que, beneficiaron no só a novas iniciativas empresariais senón que tamén serviron para apoiar a diversificación empresarial e a proxectos xa consolidados como é o caso de Prometal ou a Residencia da Magdalena”

“Esperamos que a nova convocatoria teña os mesmos resultados para os novos proxectos que nos últimos meses iniciaron a súa actividade no municipio pero tamén para firmas asentadas, para que poidan impulsar o seu crecemento como pode ser o caso de Invenergy”, engadiu a concelleira

Pola súa parte, Nuria Álvarez apuntou que xa se está a traballar na convocatoria, para finais de ano, dun novo paquete de axudas do Instituto de Transición Justa para proxectos xeradores de emprego, que terán como destino os 19 concellos incluídos nos convenios de As Pontes e Meirama.

Estes fondos sumaranse á convocatoria que, a finais de maio, se abriu para proxectos singulares de mellora da sostibilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña, e que financia o ITJ con 7 millóns de euros, a través do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).

Segundo deu a coñecer a axente para Galicia do ITJ, esta é a primeira convocatoria do Fondo de Transición Xusta que xestiona a Xunta de Galicia e para a que o ITJ destinou 111 millóns de euros, cos que se busca ofrecer liñas de axuda, en diferentes ámbitos, ás empresas afincadas nos concellos incluídos no Convenio de Transición Xusta de Galicia.