As Pontes, 27 de setembro| Os responsables serán os integrantes da escudería Acap que, nestes meses atrás, estiveron a traballar a reo para a que a nosa vila fose sede dunha das probas puntuables para o Campionato Galego de Slalom.

Así, este sábado, dende as 11 da mañá xa será posible que o público desfrute do primeiro Slalom Vila das Pontes, unha cita que, de seguro, vai atraer a centos de visitantes e, por suposto veciños, e que esta noite pechará o seu prazo de inscrición.

De feito, xa está confimada a presenza de moitos nomes da nosa vila como Samuel Bermúdez, Pablo Castro, Rafael Prieto ou José Antonio Seco que loitarán por facerse co primeiro lugar nas diferentes categorías que incluirá esta cita co motor, que van dende a xeneral, ata a competición para vehículos históricos e categoría feminina.

No tocante aos horarios da proba, ás 9.00 realizaranse as verificacións técnicas e administrativas para xa, ás 10.30, proceder á reunión de todos os participantes no parque pechado que se instalará no circuíto de karts. Ás 11.00 e ás 14.30 terán lugar os adestramentos e recoñecementos do circuíto para xa, rematadas as dúas mangas iniciar as dúas mangas oficiais e puntuables.

Ás 21.30 horas noite daranse a coñecer os resultados obtidos por todos os pilotos para continuar coa rolda de prensa dos gañadores e a entrega de trofeos, marcada para as 22.00.

No tocante aos premios, repartiranse preto de 1000 euros entre os seis primeiros clasificados da categoría xeral, namentras que os mellores na categoría de agrupación, históricos, feminino ou debutantes levarán un trofeo.