RTVEume| Baixo o título Xuntos nos coidados, o departamento de Benestar Social abriu esta mañá unha nova actividade formativa, dirixida a coidadores non profesionais de persoas con alzheimer e outras demencias.

A aula polivalente da Casa Dopeso albergará durante catro sesións este curso que conta coa financiación da concellería de Traballo e Benestar, o respaldo do concello de As Pontes e a organización da Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias (Fagal), ademáis de Afal Ferrolterra.
Unha ducia de persoas participaron nesta primeira sesión dun programa formativo non formal co que se busca axudar a eses coidadores non profesionais mediante formación e información básicas para atender aos seus familiares con alzheimer ou outras demencias.
Xuntos nos coidados afondará, nestas 8 horas de clases, tanto no coñecemento coma na intervención, o adestramento de habilidades e o desenvolvemento das actitudes básicas máis axeitadas no coidado. Todo isto mediante catro módulos específicos e que hoxe se abrían nesta primeira sesión que estivo adicada ao alzheimer e outras demencias, e á súa sintomatoloxía.
Xa nas seguintes sesións abordaranse outras temáticas coma os trastornos psicolóxicos do comportamento nos enfermos, as terapias non farmacolóxicas, os métodos de comunicación máis eficaces coa persoa enferma, os coidados para a persoa coidadora e as diferentes asociacións e grupos de axuda para familiares de persoas aqueixadas de alzheimer ou algún tipo de demencia. Un dos integrantes de Afal Ferrolterra, Jesús, será o encargado de impartir estas catro sesións nas que se abordará o cómo coidar daqueles seres queridos que sofren este tipo de enfermidade.
Coa posta en marcha desta iniciativa, As Pontes súmase ao grupo de 16 concellos que, ata finais de ano, contará con este tipo de formación e no que está prevista a participación dunhas 400 persoas; un programa que xa se poñía en marcha a finais de 2011 e que agora chega á nosa vila para ofrecer un respaldo formativo a aquelas persoas que teñen ao seu cargo a un colectivo tan vulnerable como son os dependentes con algún tipo de demencia e que, grazas a iniciativas deste tipo, logran coñecer mellor a enfermidade e, sobre todo, as liñas básicas a seguir para realizar uns coidados axeitados para o enfermo e tamén para o coidador.
Este curso súmase a outras actividades que, ao longo destes meses, afondan na figura do coidador non profesional, e que se estiveron a desenvolver ao abeiro da concellería de Benestar Social coma o grupo de homes coidadores ou as charlas que, o vindeiro sábado, terán lugar tamén na casa Dopeso, e das que falaremos en vindeiras informacións.
Moitos son os ponteses e pontesas que contan, no seu fogar, cunha persoa dependente, sen autonomía ou á que lle custa realizar as tarefas diarias máis sinxelas sen axuda. Avós, pais, tíos ou familiares en xeral que precisan dunha atención específica e que, ás veces, non sabemos como atender axeitadamente ante situacións tan cotiás coma realizar as tarefas de hixiene máis básicas.
Para poder atallar este descoñecemento, dende a concellería de Benestar Social, e co respaldo da farmacia local Fernando González de la Fuente, están a organizar para o vindeiro sábado 28 unha dobre xornada adicada precisamente ao coidado das persoas dependentes.
A casa Dopeso albergará esta actividade que se dividirá en dúas sesións de igual contido e que se desenvolverán ás 11 da mañá e ás 4.30 da tarde. Con esta dobre conferencia o que se busca é chegar a toda a veciñanza, adaptándose en dúas sesións, a aqueles que teñan obrigas á mañá ou durante a tarde do sábado.
No tocante aos contidos desta xornada, está previsto que se aborden dende as técnicas máis axeitadas para mobilizar ou mover a unha persoa dependente ata as mellores e máis cómodas posturas para unha persoa incapacitada fisicamente. Asemade, tamén se ofrecerán liñas de actuación para manter unha boa hixiene da pel do enfermo para evitar úlceras coa correspondente hidratación da mesma e outros temas, ademáis de enfermidades máis concretas coma o alzheimer ou os transtornos cognitivos.
A entrada a esta charla será totalmente libre, tanto na xornada da mañá coma da tarde, ata completar aforo.