RTVEume| A asociación de alcohólicos Adiante vai reeditar esta fin de semana a súas xa tradicionais xornadas anuais sobre o alcolismo, que celebrarán o seu 24º aniversario; unha nova posta de longo desta entidade pontesa que, grazas a citas coma a desta fin de semana, poden dar a coñecer non só a súa labor, senón tamén os servizos de axuda que ofrecen a enfermos e familiares. Así nolo contaba o propio presidente de Adiante, Salvador Baamonde.

Novamente, durante dous días, veciños e veciñas xunto con visitantes vidos de tódolos puntos de Galicia, e ata dende Castela A Mancha, participarán nesta convocatoria que arrincará hoxe,29 de maio, á tarde, coa recepción daqueles que chegan dende máis lonxe.

Xa o sábado arrincarán as primeiras poñencias, coma sempre nas dependencias da Casa Dopeso, trala inauguración, que estará presidida polo alcalde de As Pontes; o presidente de Adiante; o presidente da Federación de Alcohólicos Rehabilitados de Galicia; o Presidente da entidade vilalbesa Axúdate e o seu homónimo de CAARFE. Será ás 10.30h.

Dende as 11.15 contarase coa poñencia da pedagoga Manuela Vilaboy, educadora familiar no concello de Xermade e que falará sobre a intervención con familias de enfermos alcohólicos.

Tras un descanso, ás 12.30 dará comezo a charla do Doutor Francisco Pascual Pastor, que abordará como manter a abstinencia. Pola tarde, ás 18:00, quedará unha novidade importante no programa destas xornadas xa que, dende Adiante, apostaron por elaborar unha obra de teatro sobre unha familia con problemas co alcohol; un texto interpretado polos propios membros de Adiante e do que é autora Mari Carmen Landázuri.

O domingo desenvolveranse as últimas conferencias. Ás 11:00 terán lugar as tradicionais charlas sobre as vivencias de enfermos e familiares e ás 12.30, será o turno da psicóloga de Adiante, Belén Pardo Ríos, que abordará a problemática do alcohol nas mulleres.

O acto de clausura correrá a cargo tamén das autoridades locais e dos presidentes de Adiante, Farga, Axúdate e CAARFE.