As Pontes, 30 de outubro| Ademáis de desfrutar dunha fin de semana adicada ao mundo da micoloxía e da súa relevancia gastronómica, os ponteses e pontesas xunto con ducias de visitantes doutros concellos, decidiron pasar esta fin de semana indo de compras e, por suposto, nada mellor que decantarse polos comercios locais que, ademáis de mercadorías de gran calidade, contan como carta de presentación cun trato exquisito, bos prezos e tamén a sabedoría daqueles que dirixen, a diario, o pequeno comercio de proximidade.

Todo isto foi o que tivemos a oportunidade de atopar na décima edición do Mercado de Oportunidades Vila de As Pontes, o MOVA, todo un exemplo de que para desfrutar de produtos de gran calidade e a bos prezos non é necesario achegarse ata unha gran superficie.

Un ano máis, dende a concellería de Turismo, Hostalería, Comercio e Emprego e a asociación COHEMPO decidíase respaldar ao tecido comercial pontés sacando á rúa as súas mercadorías de tempadas pasadas, a moi bos prezos e coa máxima calidade e dando vida a un outlet que volvía ser todo un éxito de convocatoria.

Un total de 26 comercios de sectores do máis variopinto ateigaron a Avenida da Coruña durante toda a fin de semana e lograron atraer a atención dese consumista que todos levamos no noso interior.

De feito, todos os artigos que se colocaron baixo a carpa deste MOVA 2017 pagaban a pena e é que houbo dende agasallos, a roupa e calzado para todas as idades, libros, bonecos, artigos de decoración, flores, servizos e ata promocións do máis atractivas que fixeron que moitos clientes rabuñasen no fondo dos seus petos para facerse cunha camisa, unhas deportivas, un xoguete, un bolso ou unhas boas botas para este inverno.

E é que o catálogo de oportunidades foi do máis variado con roupa de grandes marcas de VL e Vilaboy, Zoe, Texas ou Bistt; chándales e camisetas de Lecar 712 ou Galiorient; zapatos ou deportivas de Zokos, Kaye ou Saavedra; agasallos do máis diversos e socorridos para as futuras festas de Nadal coma os que nos ofreceron nos postos de La Estrella, Tres lúas ou Daines; artigos para o coidado do noso xardín coma os que ofrecían dende Severiano Agrocomercial, libros e publicacións que puidemos mercar nos posto das librarías Galaica ou Xandra, unhas boas lentes de sol de Óptica Carmela e como novidade, este ano, flores da floraría Ledicia.

Un éxito de participación e de vendas que agradeceron dende a organización, neste caso, mediante as verbas da edil de Comercio, Ana Pena.

Un ano máis a nosa compra tamén tivo premio e é que, durante a fin de semana, se sortearon 600 euros en seis cheques agasallo para gastar nos diferentes comercios que participaron neste MOVA 2017, e que recaeron en diferentes papeletas que, nestas 48 horas de compras, se repartiron entre a clientela destes comercios.

A concelleira Ana Pena e o presidente de Cohempo, José Rodríguez, foron os encargados de facer entrega destes cheques agasallo que se sortearon durante a tarde do sábado e tamén do domingo.

Un peche perfecto para unha fin de semana na que, de seguro, poucos foron os que non se deixaron seducir polos bos prezos e atractivos produtos que, unha vez máis, o MOVA sacou dos almacéns, estanterías e escaparates daqueles comercios que, a diario, nos fan a vida máis sinxela.